O lecer nocturno reclama poder traballar ao 100%

Malestar na hostalaría galega pola continuidade das restricións cando a vacinación chegou "ao 90% da poboación.
Varias persoas na reapertura do lecer nocturno en Vigo, o pasado 1 de xullo (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).
photo_camera Varias persoas na reapertura do lecer nocturno en Vigo, o pasado 1 de xullo (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).

A hostalaría galega non está satisfeita coas restricións actuais que impuxo a Xunta da Galiza. Este sector reivindica volver traballar ao cento por cento das súas licenzas, tamén no lecer nocturno, á espera de que a partir do próximo sábado se relaxen as restricións e o Goberno galego decrete a fin da emerxencia sanitaria.

O presidente da Confederación de Empresarios de Hostalería da Galiza, Cheché Real, asegura que "até que non consigamos o cento por cento e a normalidade absoluta non imos estar satisfeitos". 

O responsábel da entidade de hostalaría cre que "agora mesmo a incidencia hospitalaria e de contaxios é mínima” e engade que “sabemos que temos que andar con coidado, pero témonos que adaptar como noutras circunstancias e facémolo, así sabemos que nas operacións retorno ou saída van producir accidentes e mortes, pero non por iso restrínxese ningún movemento". . 

O tamén presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Lugo incidiu en que con "estas circunstancias sanitarias e hospitalarias deberíase conseguir o cento por cento dos espazos e ocupación, como así o permiten as licenzas". 

"Responsabilidade individual" e vida normal

Cheché Real avoga "pola responsabilidade individual" e lembra que "sabemos que hai un virus como hai outros, e agora coas vacinas, que estamos practicamente o 90 % da poboación vacinada, temos que coidarnos de non contaxiarnos e facer vida normal". Insiste en que "non pode seguir pagando o sector da hostalería a base de restricións e limitacións nos nosos negocios".

Segundo o novo protocolo da Xunta, a partir do sábado os propios locais decidirán o nivel de restricións que aplican.

Nos de menores requisitos, o interior pode ocuparse a 75% e as terrazas a 90%; no segundo nivel, a capacidade permitida é de 90% no interior e 100% no exterior.

En relación ao lecer nocturno, a asistencia está limitada a 50% no interior e 75% no exterior, cun máximo de 2.000 persoas, mais os locais que exixen o certificado Covid poden abrir a 75% e 100% respectivamente. Así mesmo, poden fechar ás 4 horas da madrugada, unha máis que no resto de locais do sector.

Comentarios