A gandaría abre o debate dos modelos de produción

Gandeiras e gandeiros da Galiza critican a campaña do Ministerio de Consumo que defende comer menos carne por motivos de saúde. Abren outro debate, o da calidade dos produtos que se comercializan, e denuncian intereses das grandes empresas en promover outros alimentos. 
Páez, gandeira de Viana do Bolo, acompañando os seus animais por un vieiro cara aos pastos (Nós Diario)
photo_camera Páez, gandeira de Viana do Bolo, acompañando os seus animais por un vieiro cara aos pastos (Foto: Nós Diario)

A campaña #MenosCarneMásVida iniciada polo Ministerio de Consumo e as declaracións do ministro Alberto Garzón causaron estes días un intenso debate ao redor das explotacións gandeiras. Na Galiza, o sector demanda que a campaña sexa sobre modelos de produción e non sobre se a carne é boa ou non para o organismo.  

 "Estamos nun momento moi complicado, saíndo da pandemia provocada pola Covid-19 e con prezos de mercado moi baixos que case non cobren custos, polo que esta campaña non nos axuda", asegura a Nós Diario Samuel Formoso, gandeiro de Xinzo de Limia. Conta cunha explotación en extensivo, como a maior parte das que se traballan na Galiza, e opina que o debate "debería ser máis entre modelos que sobre a carne en si". Pon como exemplo que se comes vexetais "que veñen doutros países e teñen pesticidas non creo que sexan moi saudábeis".

Segundo este gandeiro habería que apostar polo consumo de alimentos de proximidade "sexa carne, produtos da horta ou até cereais". Formoso non discute a avaliación sobre o "excesivo consumo de carne" que denuncia a campaña e rexeita a resposta "de certos grupos de presión que actúan por intereses que non son os nosos" e que, afirma, "son os mesmos que nos poñen os prezos".  

Coidar a saúde con alimentos de calidade

"Estase a producir carne de baixa calidade que a nós nos prexudica e ese debería ser o auténtico debate", sinala Formoso, "deberiamos enfrontar modelos, máis nun momento como o de agora que vivimos un auténtico cambio climático", engade.

María Paéz tamén traballa o gando de maneira extensiva, neste caso en Viana do Bolo. Considera que a campaña "foi moi desafortunada" e non entende que a mensaxe sexa "comer menos carne" e pasar a consumir "outros alimentos que poden ser prefabricados ou non". Defende, en declaracións a Nós Diario, "a carne de verdade, a que sae dos becerros de toda a vida" como un alimento saudábel "na cantidade xusta, como acontece con calquera outro alimento".

Asegura que co tipo de explotación que ten, "é imposíbel que a carne sexa daniña para o consumidor". Pola contra denuncia que non son tan sans "os alimentos que teñen que vir envasados", en relación aos que se distribúen en grandes superficies procedentes doutros territorios e percorrendo grandes distancias, "sexa carne ou mesmo froita", engade. 

Outros intereses alleos

Gandeiras e gandeiros da Galiza desconfían que haxa outros intereses en campañas como esta que iniciou o Ministerio de Consumo. "Quitan a carne porque lles interesa agora vender outra cousa?", pregúntase Páez”. 

Coincide con esta opinión Celestino Silva, outro gandeiro con explotacións extensivas na Estrada, Cerdedo, Avión e Allariz que contan co selo de calidade oficial de Tenreira Galega. "Ten que haber a intención de colocar outro tipo de mercancías e non a carne", asegura a Nós Diario. Pon como exemplo "os alimentos derivados que se comercializan aquí e que veñen de fóra sen pasar polos controis sanitarios". No seu caso sinala que levan un control rigoroso "tamén na alimentación dos propios animais", unha circunstancia que encarece o propio produto mais favorece a súa calidade. 

Samuel Formoso pon enriba da mesa outro tema, a "incoherencia" que se ten desde o propio Ministerio, que saca este tipo de campañas cando a Unión Europea "asina un acordo co Mercosur polo que se facilita a chegada de carne doutros países" coa que se benefician "grandes empresas que son as mesmas que reciben as axudas da Política Agraria Común (PAC)".

Comentarios