Sen axudas o sector cárnico galego podería sufrir unha reconversión

Galiza conta con 10.700 explotacións gandeiras familiares que se dedican ao vacún. Este ano deixarán de ingresar un total 36 millóns de euros pola baixada dos prezos e os gastos de alimentación dos seus animais. Son datos presentados por Unións Agrarias que demanda, con urxencia, axudas directas para evitar que haxa unha reconversión brutal no sector.
Explotación gandeira (Tenreira galega)
photo_camera Explotación gandeira (Tenreira galega)

A pandemia agravou a situación xa de por si complicada no rural galego e quen implica ao futuro do sector cárnico. Unións Agrarias (UUAA) presentou onte en Compostela un informe que confirma a urxente necesidade de que as explotacións gandeiras galegas de vacún, ovino e caprino conten para as administracións da mesma maneira que outros sectores que agora mesmo están a recibir axudas con motivo da situación creada polo estado de alarma.

Na análise desta organización agraria documentan que desta produción viven na Galiza na actualidade 7.800 familias galegas que xestionan máis de 212.000 hectáreas de zonas desfavorecidas de montaña, onde hai un despoboamento e uns riscos ambientais importantes agora que comeza a campaña de loita contra os incendios. Facturan máis de 160 millóns de euros coa súa produción de carne e xestionan unha cabana gandeira de máis de 220.000 vacas. Roberto García, secretario xeral de UUAA, asegura que estas explotacións deberían de cobrar  o estipulado por un quilogramo de carne de tenreira suprema, entre 5,10 e 5,30 euros, mais que na Galiza non se paga a máis de 4,20 euros. "Están nunha situación de acumulación de perdas de 36 millóns de euros se remata o ano sen cambios”, denuncia. 

Desde UUAA reclaman do Goberno da Xunta da Galiza que "poña en marcha ese fondo de emerxencia que ten habilitado de máis de 100 millóns de euros e a propia xestión dos fondos europeos de máis de 22 millóns que lle permiten destinar ás medidas da COVID-19" para unha axuda directa que salve ás explotacións. "Igual que hai sensibilidade para solucionar os problemas da automoción ou das empresas electrointensivas, aquí falamos de 10.700 explotación, todas con máis de dous ou tres membros", engade. Explica estas gandeiras e gandeiros   non teñen o "dereito básico de toda traballadora e traballador autónomos se non facturaban menos de 75% ou a acollerse a un ERTE".

Situación “difícil” e “complicada”

Xosé Ramón é de Verín e ten unha explotación con 40 animais adultos no municipio da Mezquita. Explica a Nós Diario que vive unha situación "complicada" e "difícil" pola caída de prezos que, no seu caso, é de entre 80 e 100 euros por becerro. "Seguimos sacando os tenreiros por estar en Tenreira Galega", asegura, "mais hai moitas explotacións que teñen todo parado, cos animais na corte e sen lles dar saída".

No estado de alarma non tivo outra achega que o adianto dunha parte das axudas agroambientais. Mantén un traballador que, por ser grupo de risco, arranxou de maneira persoal mais sen contar coa posibilidade de aplicar un ERTE. Os anuncios da Xunta non lle solucionaron nada. "Falaban que se nos anticipaba a Política Agrícola Común (PAC) mais é nada porque iso xa o tiñamos, o banco faino de balde", explica, "e a xente que se apuntou a Mercaproximidade até o día de hoxe tampouco os chamaron e hai moito problema co ovino e o caprino", engade.

Apertura dos mercados de gando

"A recuperación será máis lenta do que transmiten as autoridades", asegura García a Nós Diario. Explica que na apertura esta terza feira do mercado de Silleda participou unha terceira parte dos animais que hai nunha xornada normal e a caída de prezos foi de 37% con respecto á última poxa.

"O consumo e a distribución non se compadecen da desfeita que acontece no sector primario, neste caso nas gandeiras e gandeiros", asegura. Pensa que se crea "unha sensación de que non fan falta animais, e que lles fan un favor con sacalos e fomentar un prezo artificial á baixa". Anuncia que se a administración "non fai nada agora será cómplice dunha reconversión brutal dentro do modelo de explotación familiar".

Comentarios