domingo 27/09/20

A venda directa gaña terreo, malia os atrancos, nas explotacións cárnicas

A pandemia revitalizou algunhas propostas no agro galego. Unha delas é a de prescindir dos grupos de intermediarios para a comercialización. No sector cárnicos hai exemplos que funcionan e algúns problemas que están relacionados cos trámites burocráticos 
A explotación gandeira Cachenas de San Breixo, no concello de Triacastela.(Cachenas de San Breixo)
A explotación gandeira Cachenas de San Breixo, no concello de Triacastela.(Cachenas de San Breixo)

As protestas das explotacións agroalimentarias polo baixo prezo de venda do seu produto e a dependencia de intermediarios para a súa comercialización evidenciou, nestes meses de pandemia, a necesidade de procurar novas canles que afasten a incerteza dos petos das explotacións.

No caso do sector cárnico xa hai anos que traballan na Galiza coa experiencia da venda directa, un sistema efectivo mais nada doado de implementar e que conta con algunhas dificultades como consecuencia das trabas burocráticas máis afeitas a un contorno no que se moven mellor os grupos intermediarios. 

Aumenta o consumo e baixan os prezos para as explotacións

Na Galiza existen na actualidade ao redor de 15.000 granxas de vacún que son profesionais, que xeran ao ano 122 millóns de euros. Máis de oito mil están inscritas na Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Tenreira Galega e seis mil delas sitúanse nas comarcas de Lugo.

Os datos do sector indican que, malia a pandemia da Covid-19 e os meses de estado de alarma, houbo un aumento do consumo próximo a 40% na canle de distribución e 5% na canle de carne ecolóxica. Aínda así os grupos intermediarios abonan até 30% menos ás explotacións gandeiras galegas. Esta é a razón pola que moitas granxas galegas ollan cara ao sistema de venda directa como unha saída posíbel que facilite o control total da comercialización da súa carne a uns prezos xustos máis achegados ao mercado. 

En Abadin, Xurxo Carracedo, presidente da cooperativa San Cidre, conta a Nós Diario a súa experiencia. "Vendíamos a través dunha cooperativa intermediaria, igual que facían outras, que se encargaba de sacrificar e comercializar a carne", relata.  Para aforrar custos pasaron á venda directa mais coa problemática de ter moitas explotacións asociadas e pouca capacidade para dar saída a toda a produción.

"Comezamos compaxinando as dúas opcións", explica, "e a experiencia foi boa". Na actualidade a cooperativa non ten actividade mais a maior parte das explotacións continúan cunha sociedade que seguen a vender directamente. Son explotacións pequenas que seguen coa forma de traballo tradicional, cos animais nos prados "sempre que o tempo o permite". A sociedade encárgase de levalos ao matadeiro e distribuílos en vehículos condicionados con refrixeración.

Para manter a venda directa aproveitaron a clientela da cooperativa "conseguida coa confianza dos que chegaron primeiro e as recomendacións". Unha grande parte da compra procede da hostalaría e de particulares.        

As dificultades da venda directa 

Manter o sistema de venda directa non é doado. Sábeo Jordi Ánguez, responsábel da explotación Cachenas de San Breixo. "É un traballo a maiores que hai que compaxinar cos traballos propios cos animais", sinala a Nós Diario, "non é igual que se vendésemos mazás, porque se envían nunha caixa e xa está", engade. As dificultades teñen relación co paso polo matadoiro ou unha sala de despece mais toda unha loxística de transporte. 

As vendas aumentaron despois de pasar o estado de alarma e a opción de venda directa aumentou polo interese das persoas consumidoras en contar cun produto de proximidade. A posibilidade de negocio está e algunhas explotacións comezan a probar a estratexia de non contar con intermediarios.

O problema é o sistema. "No Estado español, a nivel administrativo e sanitario, todo son atrancos”, relata Ánguez, “non se ten en conta experiencias como a francesa, onde se facilita moito a venda directa", engade. 

Os maiores problemas son para cordeiros, coellos, cabritos ou aves de curral que non poden sacrificar nas propias explotacións e teñen que ir por lei a matadoiros especializados. "Se tes que levar un galo de Mos a un matadoiro, cos poucos de aves que existen, obríganche a ter lotes grandes e non un ou dous animais", asegura Ánguez, "e iso que falamos de razas autóctonas que deberían potenciar", engade este gandeiro.

comentarios