Fruga pide á Xunta que actúe ante o baixo prezo da carne

O sindicato exixe axudas ou compensacións á caída do prezo da carne galega
Vacas pacendo (Europa Press).
photo_camera Vacas pacendo (Europa Press).

A continua baixada do prezo da carne está a pór en risco a viabilidade dun sector do que dependen máis de 10.000 familias na Galiza. A crise pode levar a que moitas das explotacións se vexan na obriga de botar o fechamento ante a imposibilidade de facer fronte aos gastos. 

Ante esta situación, o coordinador en Lugo da Federación Rural Galega (Fruga), Elías Somoza, exixe á Xunta que interveña, a través de "axudas ou compensacións", para tentar frear a caída dos prezos que sofre o sector cárnico de vacún, con máis de 10.000 explotacións censadas na Galiza.

Como relata Somoza, o sector "está a sufrir unha crise importante, con baixadas de prezos que roldan un euro por quilo, que son baixadas inxustificadas porque Tenreira Galega Suprema ten certa demanda", sinalou.

Nesta liña, o responsábel de Fruga resaltou o importante papel que xogan estas explotacións, xa non só no eido económico, senón tamén á hora de fixar a poboación no territorio e manter os montes limpos. 

Así, Somoza subliñou "a importancia que ten o sector cárnico na Galiza, especialmente en moitas zonas como pode ser a montaña de Lugo, a montaña de Ourense, A Fonsagrada, Lugo centro, a comarca de Sarria ou a Terra Chá, onde nalgúns casos esta é a única actividade que hai".

Ademais, reivindicou que "onde hai pastoreo, onde saen as vacas a pacer, onde realmente hai actividade agrogandeira, o risco de incendios é menor e iso púidose ver este ano, nun territorio que está cun abandono moi forte como é a provincia de Ourense onde os incendios propáganse con máis facilidade".

O risco de non axudar

Os gandeiros e gandeiras galegas levan meses convivindo con esta situación de constante caída dos prezos, que en moitos dos casos dificilmente dan para facer fronte aos gastos que ten a propia explotación. 

É por este motivo que desde a Federación Rural Galega chaman o Executivo galego a "tomar cartas no asunto e arbitrar algún sistema de axudas que poida liquidar esta crise que sofre o sector cárnico". "De non ser así moitas explotacións veranse abocadas ao fechamento, o cal significa maior desertización e maior risco de incendios", concluíu o coordinador da Fruga en Lugo. 

Comentarios