Galiza regresa ás rúas para loitar “contra a estafa da luz”

Nas novas mobilizacións programadas para este domingo 3 de outubro chámase á cidadanía a acudir con facturas da compañía eléctrica para queimalas. A CIG, que está detrás da convocatoria, insiste en reclamar a creación dunha Tarifa Eléctrica Galega.

Unha lámpara accesa no interior dunha vivenda. (Foto: David Obach / Europa Press)
photo_camera Unha lampada prendida no interior dun fogar. (Foto: David Obach / Europa Press)

“Contra a estafa da luz”, entrar en calor coa queima das facturas. Esa parece ser a premisa para as mobilizacións deste domingo, 3 de outubro, nas que a cidadanía galega volverá exixir unha tarifa eléctrica propia e que pare a subida dun servizo básico como é a electricidade.

A promotora da acción, a CIG, insta á xente a acudir coas facturas “para facer unha queima colectiva, simbolizando o queime das eléctricas que, mentres acumulan beneficios multimillonarios, abocan á clase traballadora á pobreza enerxética”.

Estas últimas chamadas para saír á rúa o domingo coinciden no tempo cun parón na subida do prezo medio da electricidade. Aínda así fica nos 173,65 euros/ MWh, o que o converte no sábado máis caro da historia, segundo os datos do operador de mercado eléctrico designado (OMIE).

O sindicato pide apoio social fronte o "imparábel medre da factura da luz e a impunidade coa que actúan as eléctricas pero, sobre todo, diante do nulo papel que tanto o goberno galego como o español están a facer para  garantir, con políticas públicas, o acceso á electricidade do conxunto do pobo en condicións accesíbeis”.

Horarios e lugares

Haberá dous horarios para facer a reivindicación de forma colectiva. Ás 11.30 horas están previstas as protestas na Coruña (Obelisco); Cee (diante do Concello); Carballo (diante do Concello); Betanzos (praza García Irmáns); Compostela (praza Roxa); e Ribeira (praza do Concello).

Ás 12 horas será a quenda de exixir a Tarifa Eléctrica Galega e un prezo accesíbel da luz en Pontevedra (praza da Peregrina); Vilagarcía (praza da Galiza); A Estrada (praza do Mercado); Lalín (praza da Igrexa); Ferrol (Cantón); As Pontes (praza do Hospital); Lugo (Subdelegación do Goberno español); Monforte (diante do Concello); Foz (ante a Delegación de Facenda); Sarria (praza da Vila); Vilalba (praza da Constitución) e Ourense (praza do Ferro).

Igualmente, as e os consumidores estarán ás 12 horas para loitar polo servizo en Verín (praza do Concello); O Barco (praza do Concello); Vigo (farola de Urzáiz); O Porriño (praza do Concello); A Guarda (praza de Avelino Vicente) e Cangas (praza do Concello).

Unha proposta alternativa

A CIG non limita a acción a unha protesta cívica, pois xa hai semanas que insiste en dar unha alternativa para conseguir ese “prezo xusto”. Demándase a creación dunha empresa pública galega de electricidade para controlar esas presas e a fiscalización do resto das concesións hidroeléctricas. Igualmente propón que mude o sistema das tarifas eliminando as portaxes que “non teñan relación directa co funcionamento do sistema eléctrico”.

O recoñecemento da enerxía como dereito fundamental e tamén a reversión ao público das centrais hidroeléctricas que rematen a concesión, algo que polo de agora a Xunta descartou.

Aliás, o manifesto que fixeran público subliñaba a necesidade de que se retiren as centrais, quer nucleares, quer hidroeléctricas, do “pool do mercado maiorista para fixar o prezo da electricidade”. A central sindical insiste, ademais, nunha modificación transitoria dos impostos e o estabelecemento da Tarifa Eléctrica Galega, unha demanda que vén de vello.

Comentarios