O prezo da luz volve marcar suba récord para mañá: chegará aos 216 euros Mw/h

Péchase un mes de setembro no que a electricidade pagouse de media a 156,15 euros/ MWh, moi por riba dos case 106 euros/ MWh cos que se pechou agosto, o máis caro da historia até a data,
Segue a evolución do prezo da electricidade en Nós Diario. (Foto: Nós Diario)

O prezo da luz vai bater esta sexta feira o seu récord. O prezo medio no mercado pool vai superar por primeira vez os 200 euros o  megawatt / hora, ao que hai que sumar que a tarifa regulada pecha setembro tamén cun prezo que supera nun 50% ao do mesmo mes do ano pasado.

O prezo da electricidade no mercado almacenista (pool) despide setembro esta quinta feira cun lixeiro descenso de 0,04 % até situarse en 189,83 euros o megawatt hora ( MWh), no que representa o segundo prezo máis alto da serie histórica. O prezo para esta quinta feira sitúase como o segundo máis elevado da historia, só por detrás dos 189,90 euros/ MWh que marcou o  pool a cuarta feira, e por diante dos 188,18 euros/ MWh que alcanzou o mercado almacenista o pasado 16 de setembro.

Con este último prezo péchase un mes de setembro no que a electricidade pagouse de media a 156,15 euros/ MWh, moi por riba dos case 106 euros/ MWh cos que se pechou agosto, o máis caro da historia até a data, e o triplo do que se pagou de media no mes de setembro do ano pasado.

Os prezos do mercado almacenista repercuten directamente na tarifa regulada ou  PVPC, á que están acollida case 11 millóns de consumidores no Estado español, e serve de referencia para os outros 17 millóns que contratan a súa subministración no mercado libre.

En agosto, e en plena onda de calor, o prezo foi marcando un novo récord tras outro, provocando que o prezo medio do mes alcanzase os 106 euros/MWh, o máis caro da historia, seguido de xullo, que xa marcou outro récord, cun prezo de 92,4 euros.

Rebaixas na factura

A redución do IVE a 10%, a suspensión do imposto de 7% á xeración eléctrica, o desconto do imposto da electricidade a 0,5% ou a contribución esperada de 2.600 millóns de euros por parte das eléctricas procedente dos denominados 'beneficios caídos do ceo', son algunhas das medidas acometidas polo executivo estatal para reducir o prezo da luz.

Comentarios