Centos de persoas secundan en toda Galiza as protestas pola "estafa da luz"

A CIG promoveu marchas para exixir “a garantía no acceso e un prezo xusto da enerxía eléctrica” nunha vintena de vilas galegas. Na concentración decorrida en Compostela, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclamou a intervención pública no sector eléctrico ante a suba continua do prezo da luz.
O incremento da factura da electricidade xa provocou numerosas protestas por todo o país. (Foto: CIG)
photo_camera Protesta contra o incremento da factura da electricidade, este domingo, en Vigo. (Foto: CIG)

Centos de persoas saíron hoxe ás rúas de concellos como Vigo, A Estrada, Carballo, Lugo, Foz, Ourense ou O Porriño, entre outros, para protestar pola suba do prezo da luz, que afecta quer economías familiares, quer gastos industriais.

Co lema “Pola garantía no acceso e un prezo xusto da enerxía eléctrica, recuperación das centrais hidroeléctricas e Tarifa Eléctrica Galega”, a cidadanía reivindicou que se garanta o acceso de todas as persoas a este servizo así como un “prezo xusto”.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que estivo presente na concentración de Compostela resaltou que este acto reivindicativo xurdiu "ante a escalada imparábel do aumento do prezo da luz, ante a impunidade coa que actúan as eléctricas e ante o nulo papel que tanto o goberno galego como o español están a ter para frear a suba da factura e garantir con políticas públicas o acceso á electricidade polo conxunto do pobo en condicións asumíbeis".

Carril considerou “especialmente lamentábel e desprezábel” o papel do PP e da Xunta, pois fan políticas a favor das eléctricas que “explotan os nosos ríos”. Tamén criticou a súa suposta “ permanente oposición a que en Galiza poidamos dar solucións como as que desde a CIG temos defendido e levado ao Parlamento Galego".

Moi crítico coa “colonización enerxética” dos proxectos eólicos, o responsábel asegurou que “existen mecanismos legais” para garantir prezos xustos “se hai vontade política”.

A mesma manifestación contou coa participación do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, que remarcou que "se a enerxía é un ben público, debe estar ao servizo do desenvolvemento social e económico".

O nacionalista tamén reclamou que se interveña “no sector eléctrico ante a suba continua do prezo da luz”.

"Entendemos que é xusto que un país produtor e excedentario de enerxía, que xa pagou e continúa a pagar as consecuencias sociais e ambientais desa produción, teña algunha compensación, que supoña un beneficio para a Galiza" subliñou.

Unha opción alternativa

A organización que convocou as protestas, a CIG, fixo público un plan de oito puntos que considera necesario para garantir ese custe adaptado á realidade.

Entre outras cuestión, demandou que se recoñeza a enerxía como un dereito fundamental e que reverta nas Administracións a xestión das centrais hidroeléctricas, algo que polo momento a Xunta rexeitou no caso das concesións de encoros que caducan.

Por outra banda, o sindicato reclama a modificación transitoria dos impostos e o estabelecemento da Tarifa Eléctrica Galega, unha demanda que comparte con grupos como o BNG que subliñan que a Galiza é “un país produtor excedentario”.

Comentarios