As eléctricas rebélanse contra o recorte duns beneficios que triplican aos alemáns

As produtoras gañan 18,5% en España fronte 10,5% da media da UE e 5,6% de Alemaña.
A vicepresidenta de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, nunha sesión de control (Foto: Congreso das Deputadas).
photo_camera A vicepresidenta de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, na sesión de control (Foto: Congreso das Deputadas).

A factura da luz centrou esta cuarta feira boa parte da sesión de control ao Goberno español no Congreso das Deputadas. Desde as filas da oposición, co PP á fronte, acusaban o Executivo de facer pagar ás persoas consumidoras as tarifas da luz máis caras da súa historia, mentres que desde as cadeiras azuis varios ministros e ministras cargaban contra os "groseiros" beneficios das eléctricas e criticaban a dereita española por defender os intereses destas empresas e non os das consumidoras.

Unha das primeiras en tomar a palabra foi a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, quen remarcou que os beneficios das eléctricas son "groseiros" e que, fronte a isto, o Goberno "defende a xente" coas medidas aprobadas para atallar a escalada do prezo da luz, mentres o PP fai de "avogado das eléctricas".

Así contestou ao secretario xeral do PP, Teodoro García Egea, quen lle botaría en cara o modo de referirse aos beneficios destas compañías, ao que Díaz replicou que se trata de beneficios "groseiros" cando catro grandes empresas concentran os beneficios das mesmas e hai multitude de familias que teñen dificultades para pagar recibo da luz.

Segundo argumentou, os beneficios sobre vendas das eléctricas españolas sitúanse no 18,5%, mentres que a media europea é do 10,5% e a alemá do 5,6%. Ademais, segundo datos do Banco de España, o beneficio sobre vendas das eléctricas españolas en relación a todas as empresas do país é do dobre.

Reacción das eléctricas

Outro dos temas que se abordaron na sesión de control foron as cartas que, segundo denunciou a vicepresidenta para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, enviaron algunhas eléctricas" a empresas industriais e a consumidores domésticos, acerca da revisión á alza da súa factura enerxética, "e mesmo aos seus traballadores", dando a entender que as empresas avanzaran posíbeis consecuencias en termos de emprego ou condicións laborais.

"Queremos entender que é o que están a facer [as eléctricas] e por que, xa que pensamos que non está xustificado este anuncio. E se hai algún tipo de problema, non pode ser algo que prexudique os industriais, nin os consumidores domésticos, nin evidentemente os traballadores", aseverou Ribera, que considerou "un inmenso erro" as recentes ameazas de fechamento de centrais do Foro Nuclear, que agrupa os intereses nucleares das grandes eléctricas.

Xunto á vicepresidenta para a Transición Ecolóxica, o ministro de Consumo, Alberto Garzón, explicou ás deputadas do PP, que criticaban "o intervencionismo" do Estado en materia enerxética, que o prezo récord da electricidade no mercado almacenista non é o que pagan os consumidores na súa factura.

Neste senso, aclararon que os mercados marcan prezos históricos, empuxados polo prezo do gas e dos dereitos de emisión de CO2 nos mercados internacionais, pero que a factura non se disparou na mesma proporción. De feito, a propia Ribera asegurou que "a factura está razoabelmente controlada a pesar do 'rally' dos prezos do gas e as materias primas grazas ás decisións que tomou o Goberno".

Comentarios