A frota rexeita recibir compensacións pola eólica mariña: "O que queremos é traballar"

A frota exixe poder seguir traballando no mar e rexeita que a solución sexa recibir compensacións polo fechamento de caladoiros que implicaría a construción de parques eólicos mariños. Así o sinalan fontes do sector a 'Nós Diario' despois que o presidente da Xunta da Galiza apostase polo estabelecemento de axudas. Rueda ve nos aeroxeradores unha "oportunidade" que a Galiza non pode perder.
A pesca galega de baixura podería verse afectada polas liñas de evacuación da eólica mariña (Foto: Casavella).
photo_camera A pesca galega de baixura podería verse afectada polas liñas de evacuación da eólica mariña (Foto: Casavella).

"Nós non queremos compensación ningunha, nós o que queremos é traballar, seguir co noso oficio e coa nosa forma de vida", explica a Nós Diario o presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, José Antonio Pérez Sieira, en relación coa posibilidade de que se ofrezan axudas ao sector pesqueiro ante unha posíbel afectación negativa para a frota galega pola implantación da eólica mariña.

"Sen a pesca non seríamos ninguén, nin o sería a hostalaría, nin os portos mariñeiros ni as zonas de litoral, sería a ruína total, nós queremos seguir traballando e pescando para manter a poboación cos nosos produtos pesqueiros, que son o alimento máis san e coa menor pegada de carbono que hai", explica o representante das confrarías.

Sobre a instalación da eólica mariña nas costas galegas e a aprobación dos Plans de ordenación dos espazos mariños (POEM) polo Goberno español, Pérez Sieira apunta que se trata dunha acción "que non se pode facer", pois segundo sinala, "incumpre o principio de precaución, que estabelece que antes de instalar nada hai que asegurarse de que non ten afectación sobre os ecosistemas mariños nin sobre a actividade pesqueira". Para que se poidan desenvolver os POEM, di, "hai que facer estudos e análises para observar como afectan, non se pode empezar a casa polo tellado como están facendo", conclúe.

"Non vale facer as cousas e que despois cando danen se dean compensacións, porque iso significa pan para hoxe e fame para mañá, non estou mirando polo meu futuro, estou mirando para o futuro das miñas crianzas e das de todas as persoas, que veñen detrás de nós para poder vivir da pesca", afirma Pérez Sieira.

Rueda aposta polas axudas 

As declaracións do presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores chegan despois de que esta segunda feira, o presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, considerase "procedente" que se dean compensacións ao sector pesqueiro cando non poida desenvolver a súa actividade debido ás instalacións de eólica mariña, após de que a vicepresidenta terceira e ministra española de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, non o descartase.

"Dixo (a ministra Teresa Ribera) que estaba disposta a reunirse, é unha boa noticia", sentenciou Rueda, quen, sobre as compensacións, asegurou que xa se teñen feito "noutros países". "Dar axudas onde a pesca é máis dificultosa ou non se pode facer, parece procedente", apostilou en relación ao impacto da eólica mariña, actividade que cualificou como unha "oportunidade" que a Galiza non pode perder.

"Están prohibindo pescar"

"Ningunha compensación vai ser suficiente se nos quitan os caladoiros", afirma a este xornal a armadora coruñesa Belén Cotelo a respecto de posíbeis axudas polos POEM. "Nas zonas nas que queren pór a eólica mariña están indo a pescar todos os barcos, non só de arrastre, senón tamén outras artes como a volanta e o pincho", explica. "E tamén está a zona onde queren meter o cableado para a eólica até a terra, que afecta a pesca de baixura, isto prexudica todo o mundo,  non hai cartos que paguen iso", adhire Cotelo. 

"Están prohibindo pescar en zonas e caladoiros nos que levamos toda a vida, varias xeracións, teño unha empresa familiar e como a miña hai moitísimas máis, que compensación van dar para todo un caladoiro?, non é posíbel", di a empresaria, que engade que "non houbo ningunha comunicación co sector".

O sector "quere seguir pescando", di Pontón

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou esta segunda feira que o sector pesqueiro galego "non quere compensacións" polos POEM. "O que quere é que a xente do mar poida seguir pescando, que non se carguen un sector económico fundamental da nosa economía", insistiu. "Exportamos 25% da nosa electricidade e non pode ser que os intereses das eléctricas estean por encima da Galiza e que queiran non só encher o país de muíños en terra, senón tamén no mar", sentenciou Pontón.

"As axudas nin van durar nin poden manter a economía"

O economista Gonzalo Rodríguez, en conversa con Nós Diario, sinala que "a eólica mariña estase planificando como se fora a conquista do oeste". Ao respecto das posíbeis compensacións, explica que "a actividade pesqueira consérvase pescando".

"O que nos interesa é pescar e 80% desta actividade faise na plataforma continental, hai que facer unha planificación que respecte a capacidade produtiva", afirma. "As axudas nin van durar nin poden manter unha economía, hai que seguir pescando", conclúe.

Comentarios