Opinión

Eólica mariña

Oprimeiro que preguntei cando oín no telexornal que as torres dos eólicos van estar a unha distancia de 21 km da costa foi cal era a lonxitude da ría de Vigo. Procuro os datos na Galipedia. Di que son 33 Km. Así que, se desde Rande podemos ver perfectamente as Cíes, o mesmo cabe considerar deses eólicos que enfurecen, con razón, o sector pesqueiro. A ría de Pontevedra aproxímase máis a esa distancia, pois entre Tambo e Ons hai 20 km.

O outro dato numérico que memoricei foi a extensión que ocuparán os polígonos en que se colocarán estes neomuíños, 2.467 km, algo máis da metade da provincia de Pontevedra, o 8,43% do territorio galego terrestre. Unha megainstalación que pretende producir o 150% do que xa se está a producir, facendo da terra e do mar de Galiza un dos maiores produtores de enerxía eólica do Estado, e para que? Son as galegas e os galegos os que precisan tanta enerxía? 
O lema di eólica si, pero non así.

Cómpre racionalizar e colocar na balanza pros e contras. Nunca destruír outros medios de produción, fundamentalmente de carácter primario, como é a pesca, que si sustenta economicamente a moitas familias e dános de comer a todos a través dun consumo de proximidade que reduce o consumo de enerxía. 

Cómpre non causar un impacto nas especies mariñas e na oceanografía da costa galega que pode cambiar o noso futuro dunha maneira que nin sequera podemos imaxinar, pois non hai ensaios posíbeis para calibrar as consecuencias.

A eólica mariña pode parecer menos daniña para os que pensan que alí, no mar, ninguén vai reparar nela, mais talvez as consecuencias sobre o medio sexan maiores ca en terra.

No noso país temos varios exemplos de como se destruíron zonas de produción mariña. Todas as zonas de marisqueo soterradas baixo os paseos das cidades. As que se perderon polos vertidos do saneamento das cidades. As que non se recuperarán por mor da instalación dunha industria velenosa que vai seguir contaminando a ría de Pontevedra. 

O suma e segue do colonialismo.

Comentarios