Pontón critica o plan de eólica mariña por danar a pesca e o medio mariño

O BNG rexeitará na Cámara o plan de ordenación
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa (Foto: Nós Diario).
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou onte o POEM (Plan de ordenación do espazo marítimo) aprobado polo Goberno español de "ataque ao medio ambiente e á economía galega que se pretenda instalar nas costas galegas a metade da eólica mariña prevista para todo o Estado".

"Estamos a ver como o Goberno do Estado traballa para defender os intereses das eléctricas e colócase de costas á defensa do medio ambiente e tamén de costas a un sector vertebral para a economía galega como é o sector pesqueiro", denunciou.

Así, manifestou que o nacionalismo rexeita "por completo" as pretensións do Executivo e pide "que non se poña a etiqueta de verde ao espolio enerxético galego, nin tampouco a unhas eléctricas que soamente se preocupan pola súa conta de resultados".

A portavoz nacionalista avanzou que o BNG reclamará no próximo pleno do Parlamento que o conxunto dos deputados e deputadas "rexeiten esta proposta para apostar por un novo desenvolvemento de enerxías renovábeis".

"Non pode ser que Galiza estea a vivir xa un boom eólico depredador en terra e que ese boom pase tamén ao mar", apuntou. Pontón declarou que é necesaria unha transición ecolóxica, mais avaliando o seu impacto socioeconómico e buscando outros puntos de enerxías renovábeis dentro do territorio español porque "non pode ser que a Galiza siga cargando cos custos ambientais e sociais da produción de electricidade sen un só beneficio".

"O que se pretende é consolidar un papel da Galiza no Estado que non é lóxico nin xusto. A Galiza non pode ser a colonia enerxética de Madrid", concluíu a nacionalista.

Para José Miñóns trátase  "dunha oportunidade"

Pola súa parte, o delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, puxo onte en valor "a necesidade e a oportunidade histórica" que, ao seu xuízo, supoñen os Plans de ordenación do espazo marítimo (POEM) e a eólica mariña. 

Comentarios