Rueda sostén que o Estado vai con "atraso" na eólica mariña

O Estado español vai con "atraso" no desenvolvemento da eólica mariña a respecto de Europa, afirmou o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, onte na súa comparecencia após o Consello do Goberno galego. Ao tempo, o mandatario urxiu unha reunión co Executivo español para que este "aclare e xustifique" tecnicamente o mapa da eólica mariña na Galiza.
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. (Foto: Xoán Crespo / Xunta)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda (Foto: Xoán Crespo / Xunta).

A eólica mariña "ben formulada" é "beneficiosa" para a Galiza. Unha opinión que o presidente galego defendeu durante unha intervención na que tamén lamentou o "atraso" co que o Estado español estaba a "desenvolver" esta modalidade eólica. 

O Consello da Xunta da Galiza valorou onte un informe presentado pola Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Industria sobre o Plan de ordenación do espazo marítimo (POEM, aprobado na terza feira polo Executivo español), e a súa afectación á Galiza.

Para Rueda, é necesario que o Goberno estatal "aclare e xustifique tecnicamente" o porqué da escolla das zonas designadas no POEM para albergar muíños. "O Goberno español ten que explicar isto", apuntou, ao tempo que lamentaba que ese plan non recolla"boa parte" das alegacións que nestes dous anos estivo presentando o Observatorio da Eólica Mariña. O presidente mesmo falou de "inseguridade", indicando que "nada se sabe" das poxas para instalar eólicas nesas áreas mariñas. Uns aeroxeradores, calculou Rueda, que "até finais da década non estarían funcionado".

Sanidade

A sanidade foi outra das cuestións que centraron a comparecencia de Rueda. A Xunta aprobou onte o calendario de exames para acceder a un total de 3.870 prazas no Servizo Galego de Saúde, que se desenvolverán entre xuño de 2023 e febreiro de 2024. En paralelo irá a fase de concurso, que a Administración galega espera deixalos todos resoltos "en outubro". Son case 5.700 as prazas que sacará a sanidade galega nesta oferta pública de emprego (OPE) co obxectivo de deixar a taxa de temporalidade "por baixo do 8 %".

Preguntado sobre a folga convocada na sanidade galega pola Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM), o mandatario dixo que esa organización non formaba parte da mesa sectorial da sanidade, "que é onde se fan as propostas e toman as medidas".

Unha das medidas 'estrela' da Xunta, precisamente, foi albo onte das preguntas da prensa, que quixeron saber a valoración de Rueda sobre que só se anotasen 19 de 2.500 médicos da Atención Primaria para facer gardas a cambio de sobresoldos. Unha cifra, 19 facultativos, que o presidente ve como "aceptábel".

Fragas do Eume

O Goberno galego aprobou onte o Plan reitor da Xunta para as Fragas do Eume (PRUX) , o último que faltaba por aprobar dos nove parques naturais que hai na Galiza. O plan estará dotado de 8,5 millóns de euros e entre os seus obxectivos esta ampliar a superficie de titularidade pública nese espazo privilexiado, pois 80% do mesmo son terreos privados. O ecoloxismo foi moi critico ao longo destes anos co "atraso" na aprobación do PRUX, que debía estar xa en vigor en 2001.

O Ministerio di que o POEM recolle peticións do sector do mar

A secretaria xeral de Pesca, Isabel Artime, asegurou onte en Vigo que no Plan de ordenación do espazo marítimo (POEM) se recollen boa parte das reclamacións do sector pesqueiro, aínda que algunhas asociacións xa mostraron o seu rexeitamento a esta repartición de espazos mariños. Sostivo que as áreas de potencial desenvolvemento de parques eólicos non significan que neses sitios directamente se poñan muíños de vento, senón que haberá que avaliar as solicitudes concretas e nesta análise velarase tamén polo ben da pesca.

"Libre de eólica mariña"

O manifesto da Plataforma en defensa da pesca contra a delimitación para a eólica mariña que recolle o POEM do Goberno español segue a sumar apoios. Onte a CIG subscribiu o texto e reivindicou unha Galiza "libre" de eólica mariña, por mor do "risco" que esta actividade supón para a actividade pesqueira. Ademais, chama a participar da protesta que decorrerá o próximo 11 de marzo ante a Delegación do Goberno na Coruña. 

O sindicato exixe a retirada do POEM, que se respecte a actividade pesqueira e os ecosistemas e que se traballe a todos os niveis para dispor da "información máis axustada" para acometer a ordenación dos espazos mariños.

Máis en POLÍTICA
Comentarios