venres 30/10/20

A Federación Galega de Comercio alerta do impacto que tería o feche de Alcoa

O seu presidente, José María Seixas, afirma que as profesionais do sector teñen moito medo
Fábrica de Alcoa en San Cibrao
Fábrica de Alcoa en San Cibrao

Os traballadores de Alcoa non son os únicos que viven con incerteza estas últimas semanas. Á espera de coñecer os plans da multinacional norteamericana, entre os que figura a posibilidade do feche da planta de aluminio primario e o despedimento dos seus 534 empregados, e dun posíbel movemento por parte das Administracións, que teñen na súa man a vía da intervención, os comerciantes tamén alertan das graves consecuencias que tería na comarca o cesamento de actividade desta planta, da que depende boa parte da economía da Mariña. 

O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seixas, vaticinou un "caos" para o comercio da comarca e de todo o nordeste do país se finalmente fecha a factoría. "Non cabe dúbida de que, tal e como están as circunstancias, isto sería un novo golpe para o comercio da Mariña e non só da Mariña, senón para o comercio de Lugo", afirmou Seixas.

"Hai que ter en conta que economicamente o de Alcoa é unha porcentaxe moi importante na economía (30% do PIB de Lugo) e se non vai para adiante vai notar. As consecuencias serían nefastas nun curto prazo de tempo", advertiu.

O empresario lucense constatou que as persoas que se dedican ao comercio nesa comarca "teñen moito medo, saben que se non vai para diante (a venda a Liberty House ou a intervención do Goberno español) o feche de moitos negocios é case seguro", abundou. "Isto supoñerá un caos, e desaparecerán un bo número de negocios", aventurou.

Nas últimas semanas, a vía dunha intervención da planta vai cobrando máis forza. Na Xunta e no Goberno español falan abertamente desta posibilidade.

A este respecto, o responsábel da Federación Galega de Comercio sinala que viu estes días o que dicía a ministra de Traballo Yolanda Díaz, "que estaban niso" (solucionar o problema da factoría de San Cibrao). "Pero se son sincero o que diga esta señora hoxe, mañá non é verdade", lamentou.

"Estamos á espera coa ilusión de que se busque unha solución e que poidamos continuar con esta actividade ─a produción de aluminio─, que é tamén moi importante para o resto do Estado español", mais en especial para as persoas comerciantes que dependen da súa continuidade para manter abertos os seus negocios, concluíu.

comentarios