O Goberno español non desbota intervir a planta de Alcoa e o comité exixe que concrete

Na reunión da mesa multilateral sobre o futuro da planta de Alcoa en San Cibrao  (Cervo) convocada de urxencia polo secretario xeral de Industria e Peme, Raúl Blanco, reiterouse esta posibilidade e desde a representación sindical pediuse celeridade para evitar a parada de cubas. 
A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto (Europa Press)
photo_camera A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, na sesión de control (Europa Press)

A convocatoria para hoxe por parte do secretario xeral de Industria e Peme, Raúl Blanco, "con carácter de urxencia", da mesa multilateral sobre o futuro da planta de Alcoa en San Cibrao (Cervo) por videconferencia, presaxiaba algún tipo de novidade sobre a actuación dos Gobernos español e galego tras frustrarse a venda da factoría a Liberty House.

Nas últimas horas as peticións de intervención pública aumentaron, como a que reclamou esta pasada segunda feira a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ou as declaracións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, onde non descartaba esta medida.  

Máis compromisos

Na reunión, con presenza institucional e do comité de empresa, non houbo grandes anuncios máis alá de reiterar os compromisos dos Gobernos de colaborar e traballar en todas as vias para manter o emprego e a produción. Malia non descartar ningún escenario, incluso a intervención pública, desde o Goberno español informouse de que se estaba estudando a forma e a legalidade para facelo e poder conseguir o "encaixe" e que a Unión Europea acepte tal paso sen cuestionalo. 

Ademais, segundo fontes oficiais, na xuntanza Blanco explicou aos asistentes que o Ministerio de Industria e a Xunta da Galiza van extremar a vixilancia sobre Alcoa e exixiranlle que xustifique o cumprimento da lexislación laboral e ambiental. Reiterou que, no caso de que existan evidencias dalgún tipo de incumprimento, pediráselle á multinacional que devolva todas as axudas públicas recibidas. Aclarou tamén que os próximos días serán decisivos e é importante manter a unidade de acción para conseguir o mellor desenlace.

Tamén esta terza feira, a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, aseguraba durante a sesión de control do Senado, que "o Goberno español segue comprometido co futuro da factoría de Alcoa na Mariña" e que están a analizar "nestes momentos todos os instrumentos dispoñíbeis dentro do ordenamento xurídico e do marco da Comisión Europea para garantir un futuro industrial". Mantiña que malia a negativa de Alcoa de vender a súa factoría en Cervo, o interese de Liberty House por investir na planta "continúa e o seu proxecto garante o futuro da planta". A ministra lembrou o envío dun requirimento a Alcoa para fiscalizar as axudas por CO2 correspondentes a 2019 e verificar que conta cos requisitos necesarios para recibir estas axudas. 

O comité de empresa pide acelerar a intervención

Desde o comité de empresa apelouse a que o Goberno español concrete e acelere os pasos que vai dar no camiño dunha intervención pública, mesmo se ao final é unha expropiación, para impedir que haxa unha medida fatal por parte da multinacional en calquera momento. Paulo Carril, secretario xeral da CIG, explicou a Nós Diario ao remate da xuntanza que nela "marcamos unha data para principios da semana vindeira que se anticiparía se Alcoa tomara algunha decisión como a de parar as cubas". Valora a proposta do Goberno español mais afirma que  o persoal traballador quere "un calendario concreto diante dunha decisión por parte da empresa que é evitábel".

Comentarios