Alcoa perde un mes en cabrear todas as partes

A negativa de Alcoa a vender a factoría de aluminio primario a Liberty House condena ao ERE medio milleiro de traballadores e traballadoras que loitarán para evitar a parada das cubas.
Alcoa megáfono
photo_camera Protesta das e dos traballadores de Alcoa. (Foto: Europa Press)

Eran unhas negociacións chamadas a fracasar. Este domingo, antes incluso de esgotar o prazo, Alcoa comunicaba ás partes interesadas (Xunta, Goberno español e sindicatos) que non habería venda e que as negociacións con Liberty House dábanse por rotas. Realmente, era a materialización dunha decisión tomada moito antes, xa que, como denunciaban traballadores e sindicatos, Alcoa non tiña a máis mínima intención de vender a súa planta de aluminio primario no concello de Cervo.

Foi un mes perdido para Liberty e para os traballadores da factoría, que non puideron ver materializada unha operación que non só garantía a continuidade dos seus postos de traballo, senón que prometía investimentos para modernizar a produción de aluminio baseados no emprego de fontes renovábeis. A única que gañou foi Alcoa. Gañou tempo e freou ─aínda que non evitou─ a presión social contra o seu anuncio de parar as cubas da factoría e iniciar o despedimento de 534 traballadores. E nada pareceu importarlle o millón de euros que di que perde á semana por ter as cubas activas, un problema que quitaría do medio coa venda das instalacións.

Para non quedar de mala da película, a multinacional norteamericana amosou a súa boa disposición a vender a factoría mesmo por un euro. O prezo parecía non ser o problema. Resultou ser o subministro de alúmina

Polo que se coñece das negociacións, Liberty House intentou nun primeiro momento que a planta de alúmina de San Cibrao entrase tamén nas negociacións. Ante a negativa de Alcoa, tentou lograr un acordo preferente ante unha futura venda e, mentres, un contrato de subministro por 20 anos. Ante o atasco neste punto, o Goberno español instou Alcoa a aceptar un contrato a dez anos prorrogábel a outros dez, sempre que Liberty cumprise determinados requisitos, mais a multinacional americana non se movía dos cinco anos

O papel das Administracións

Alcoa sempre defendeu que as propostas de Liberty eran "pouco razoábeis" e mesmo anticipaba a comezos da semana pasada o fracaso das negociacións, como finalmente foi. 

Á vista deste bloqueo, o Goberno español decidiu tomar cartas no asunto e tentou negociar a venda directamente con Alcoa, mais tamén fracasou. Onte, a multinacional americana emitiu un comunicado no que agradece "a predisposición" do Executivo estatal para buscar alternativas e no que explicou que as propostas canalizadas a través da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) incluían peticións que impedían "chegar a un acordo en condicións comerciais razoábeis, entre elas, "aínda que non exclusivamente", apuntaba Alcoa, a solicitude de dereitos preferentes sobre a refinaría.

"Non se pode exixir a Alcoa que achegue máis recursos e financiamento dos que xa se comprometeu a realizar en cantidades importantes neste proceso de venda, nin que acepte condicións fóra de mercado, nin peticións fóra do ámbito do acordo cos representantes dos traballadores", argumentaba a compañía para xustificar o seu rexeitamento a cantas propostas lle fixeron desde GFG Alliance (o grupo ao que pertence Liberty House) como desde o Goberno español.

Após confirmarse a ruptura das negociacións, o Executivo estatal e a Xunta, que se comprometeu a respaldar a postura de Industria en todo momento, emitiron un comunicado conxunto no que consideran a Alcoa "a única responsábel" do fracaso das mesmas e acúsaa de "mala fe". "Había solucións para alcanzar un acordo", advirten desde o ministerio. "Isto non é o final do camiño nin se torce o brazo a ningunha administración (...) Ábrese agora outro escenario onde se tomarán outro tipo de decisións menos amigábeis", apuntou o secretario xeral de Industria e Peme, Raül Blanco

Pola súa banda, o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta, Francisco Conde, lamentou a actitude de Alcoa de "abandonar a negociación de forma unilateral" e pediulle que reconsidere a súa posición e acepte unha ampliación do período de consultas: "Galiza e a comarca da Mariña non se merecen este trato por parte da empresa", dixo. Tamén Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro da Xunta, sinalou que "as perspectivas non son boas nin o resultado que se adiviña agora mesmo. Imos pensar que até o último momento pode haber unha solución, pero o panorama non é moi alentador", subliñou.

Descontento no comité

E se as administracións non están contentas, moito menos os traballadores. O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, cargou contra a decisión da empresa de levantarse da mesa multilateral "sen acabar o prazo e nin tan sequera responder á última proposta do Goberno español para adquirir a planta a través da SEPI", que, lembrou, foi a que lla vendeu un negocio que recoñeceu como "ruinoso".

"Cando unha empresa ten de xeonllos o Goberno español e a Xunta poñemos en cuestión o país", denunciou. Por iso pediu ás administracións que "se levanten" e "digan basta" ante a postura de Alcoa e que "apoien até o final" aos traballadores na procura dun futuro industrial.

Despedimentos novamente sobre a mesa

A negociación para a venda de Alcoa tiña data de caducidade. O pasado 13 de agosto, os sindicatos e a multinacional acordaron ampliar en seis semanas os prazos do proceso de consultas iniciado en maio deste ano para o despedimento de 534 traballadores da planta de aluminio primario de San Cibrao (Cervo). 

Agora é o momento de retomar esas negociacións. Onte, antes de entrar na reunión convocada para abordar o expediente de regulación temporal de emprego (ERTE), as partes endurecían as súas posturas. Así, dunha banda Alcoa ameazaba con aplicar un despedimento colectivo permanente no caso de que non haxa acordo sobre un ERTE, mentres que, doutra banda, o presidente do comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, José Antonio Zan, insistía en que a representación dos traballadores non negociará a aplicación de "ERTE nin ERE" coa empresa por considerar "fraudulento" o proceso de venda, e non descartou acudir aos xulgados se a multinacional cumpre as súas ameazas e aposta polos despedimentos.

Antes da reunión tamén se pronunciou a este respecto o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen cargou contra o "terrorismo patronal" exercido pola multinacional. "Resulta obvio que Alcoa nunca tivo vontade de chegar a un acordo de venda e utilizou este tempo de prórroga para prefabricar unha autoxustificación do fracaso da operación", denunciou. 

Neste senso, pediu ás partes manter a unidade de acción para enfrontar os plans de Alcoa, dándolle dende as institucións e dende a mobilización unha categórica resposta "até que cese na súa intención de deixarnos sen postos de traballo, sen futuro industrial para a comarca e sen un sector estratéxico para Galiza como é o aluminio".

Comentarios