Exixen da Lei de Protección Animal respecto nos usos tradicionais do rural

UUAA agarda que nas emendas do texto aprobado polo Consello de Ministras e Ministros para a súa tramitación haxa rectificacións.
Can pastor (Foto: ActiCan Pastoreo Galiza)
photo_camera Can pastor (Foto: ActiCan Pastoreo Galiza)

A organización Unións Agrarias (UUAA)  únese ás distintas voces e colectivos sociais e do rural que alertan do contido do "Proxecto de Lei de Protección dos dereitos e benestar dos animais" que ven de ser aprobado polo Consello de Ministras e Ministros para a súa tramitación, debate e votación no próximo curso parlamentario, a partir de setembro. 

O sindicato, a través dun comunicado, agarda que “impere o sentido común e que durante o período de emendas e de trámite parlamentario se eliminen da nomeada norma as partes máis lesivas para o rural e que nada aporta ao aumento da protección animal”.

Nese sentido, UUAA fai un chamamento para que se atendan as demandas de comunidade científica, asociacións de veterinarias e veterinarios, e o propio informe da Comisión Estatal de Mercados e Competencia que advirte de distintos aspectos que atentarían contra a normativa europea neste eido. 

Disparates 'urbanitas'

Do texto oficial cualifican de “disparates urbanitas” propostas como a de crear e tramitar un “núcleo zoolóxico” a partir de cinco animais, como podería ser o caso dunha explotación na que haxa catro gatos para manter a raia aos roedores, e dous cans de garda.

Ademais, rexeitan propoñer "un exame para ter ou coidar un animal de compaña, para o cal animalistas subvencionados examinarían a persoas do rural que levan decenios coidando e criando cans". 

Da mesma maneira, están en contra “da obriga de castrar a todos os cans e gatos dun sexo cando se teñen convivindo machos e femias” polo que aseguran que se na Galiza “a día de hoxe 500.000 cans censados, aos que imos ter que castrar a metade para non estar fora da Lei, non se ve en que pode axudar á protección dos animais, antes ben ao contrario polos efectos das castracións no benestar animal”.

Comentarios