O agro galego mobilízase en protesta polas dificultades das explotacións gandeiras

A situación das explotacións gandeiras galegas dedicadas á carne e o leite segue a ser de extrema gravidade como veñen denunciando nos últimos meses varias organizacións sindicais. Esta cuarta feira Unións Agrarias (UUAA) afondaba con datos das comarcas de Lugo e Pontevedra no inicio dunha campaña de denuncia e sensibilización, e Agromuralla ameazaba con novas mobilizacións ao tempo que exixía medidas de control do prezo do leite. 

Explotación galega de gando vacún (UUAA).
photo_camera Explotación galega de gando vacún. (Foto: UUAA)

"Poden fechar moitas explotacións". Con esta contundente frase debuxaba esta cuarta feira José Ramón González, gandeiro e responsábel de Producións Extensivas e Ecolóxicas de Unións Agrarias (UUAA) o panorama que viven as granxas galegas que traballan o gando vacún para o seu consumo como carne.

A pasada segunda feira era o seu propio secretario xeral, Roberto García, quen anunciaba o inicio dun calendario de mobilizacións para demandar solucións ante o que cualificaba de "dramática" situación do sector. O calendario arrincaría esta vindeira sexta na praza do Toural de Compostela, onde pensan repartir, a partir das 11.30 horas, máis de mil quilos de carne de vacún. 

Situación nas comarcas de Lugo e Pontevedra

González explica que só nas comarcas de Lugo contabilizaron perdas por máis de 12 millóns de euros. A razón foi que estimaron a principios de ano o custe de produción en quilo/canal de tenreira galega suprema a 4,75 euros e "a día de hoxe o gasto que temos é de 5,34 euros quilo/ canal". Esta diferenza, para este gandeiro, "é difícil de aguantar" pola suba da alimentación dos animais máis dun 12% “e a da electricidade que foi dun 22%”.

No caso das comarcas de Pontevedra, onde traballan 850 explotacións, xestionan ao redor de 50.000 hectáreas en zonas demograficamente máis delicadas. UUAA asegura que entre as que corren máis perigo están as granxas dalgúns municipios do Deza e da Paradanta.

"O modelo de vaca-becerro-prado é a fórmula máis viábel que nós entendemos de producir carne e ademais que sexa de máxima calidade", asegura González, "e temos o paradoxo que son, agora mesmo, as máis ameazadas", conclúe.

Un dos principais problemas, para UUAA, é o funcionamento dos matadoiros. "As liquidacións da mellor carne a principios de 2019 cobrábanse a 4,79 euros quilos/ canal e a día de hoxe cobramos 4,63 euros”. González sinala que "o pretexto polo descenso de prezos era a pandemia, cando é unha barbaridade que agora ingresemos de media 180 euros menos por becerro que hai dous anos".

Con este panorama, segundo este sindicato agrario, "fecharán moitas explotacións das 6.000 con máis de 20 vacas que hai, por exemplo, nas comarcas de Lugo ao estar todas en risco cunha situación que implicará deixar o territorio abandonado". 

Ameaza de tractoradas polo prezo do leite

O sector do leite tamén avisa de mobilizacións. Á campaña realizada este verán por parte da Federación Rural Galega (Fruga) ás portas de grandes superficies, súmaselle agora a asociación de gandeiras e gandeiros das comarcas de Lugo e A Coruña, Agromuralla, que ameaza con saír cos tractores á rúa diante a "situación insostíbel" que viven as explotacións leiteiras e a "suba desmesurada" dos custos de produción.

"O que nos pagan polo leite non nos dá para pagar os gastos, polo que estamos perdendo cartos todos os meses", asegura o recentemente escollido novo presidente desta organización, José Luis Pérez Barreiro. Nesta circunstancia exixe que as Administracións apliquen "medidas urxentes inmediatas para garantir un prezo digno e xusto aos produtores de leite que evite o feche en cadea das explotacións".

López vén de solicitar unha reunión coa subdelegada do Goberno ao tempo que advirte de que "se non se toman medidas os tractores sairán á rúa". 

"Non se está a cumprir a Lei", denuncia Pérez Barreiro, que alerta do encarecemento nestes meses de consumos básicos como o penso pola suba de materias primas como a colza, a soia ou a fariña de millo, que subiron un 50% no último ano; o gasóleo agrícola, que pasou de 55 céntimos a 85; ou o recibo da luz, con incrementos de máis dun 40%.

Comentarios