Unións Agrarias denuncia a entrada masiva de leite foráneo

Unións Agrarias alerta da chegada ao Estado de até 30 camións diarios cargados con leite procedente de Francia e Portugal. Advirte que este feito vai provocar unha "caída en fervenza" das cotizacións do leite en orixe, sobre todo na Galiza,
Palés de leite nun supermercado (Europa Press).
Palés de leite nun supermercado (Europa Press).

A crise do coronavirus trouxo consigo un consumo de produtos desmedido por parte da poboación. Os primeiros días, o papel hixiénico foi unha das mercadorías máis demandadas, pero o leite e os seus derivados tamén están entre as que máis solicitan as consumidoras. Esta situación provoca que as industrias estean a traballar a pleno rendemento para satisfacer dita demanda. O problema, como denuncia o sindicato Unións Agrarias, é que para iso están dando entrada de forma "masiva" a leite e derivados producidos por debaixo de custos procedentes de Francia, Alemaña e Portugal. 

A organización asegura que ten cuantificados até 30 camións cisterna diarios, o que equivale a perto dun millón de litros de leite, cruzando a fronteira para dar resposta ao incremento da demanda nas grandes superficies. "Esta situación está a ser aproveitada polos países con excedentes na produción láctea para saldar as súas exportacións de leite líquido e derivados (fundamentalmente queixo alemán) cara ao mercado estatal con prezos de 14 céntimos por litro", denuncia o sindicato.

Unión Agrarias advirte de que este feito vai provocar unha "caída en fervenza" das cotizacións do leite en orixe, sobre todo na Galiza, onde se produce 40% de todo o Estado español, e onde están a día de hoxe os prezos máis baixos.

Ante esta situación, o sindicato fixo un chamamento tanto ao Goberno español como á Xunta para que extremen a vixilancia sobre estas prácticas e fagan públicos os datos de entrada de leite no Estado español. Nesta liña, tamén reclama que se extreme o seguimento de trazabilidade das cisternas para impedir que o leite que transportan non acabe envasado como se fose leite nacional.

Avisos en Francia

Pola súa banda, segundo avanzan desde Unións Agrarias, as empresas de envasado están a remitir cartas ás súas gandeiras en Francia para advertilas de que teñen que baixar a produción porque non atopan mercado para colocar tanto leite, salvo saldando con destino ao Estado español, unha situación que explica, en opinión do sindicato, a posición baixista das empresas nas negociacións que mantiveron na Galiza coas transformadoras nas últimas semanas.

Comentarios