O agro galego exixe en Ourense medidas para a súa supervivencia

A cidade de Ourense acolleu esta terza feira unha manifestación con centos de produtoras e produtores do agro. Convocada pola Federación Rural Galega (Fruga), Sindicato Labrego Galego (SLG), Unións Agrarias (UUAA), a Asociación de Pataqueiros da Limia e a Asociación de Empresarios, gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal), demandaron solucións ao problema do aumento do custo de produción.
Cabeza da manifestación convocada pola Fruga, SLG, UUAA, Adegal e Produtores de Pataca da Limia. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Cabeza da manifestación convocada pola Fruga, SLG, UUAA, Adegal e Produtores de Pataca da Limia. (Foto: Nós Diario).

Agricultores e gandeiros das comarcas de Ourense percorreron na mañá da terza feira as rúas desa cidade para denunciar a situación límite que padecen. Convocados pola Federación Rural Galega (Fruga), Sindicato Labrego Galego (SLG), Unións Agrarias (UUAA), a Asociación de Pataqueiros da Limia e a Asociación de Empresarios, gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal), camiñaron polas rúas da cidade de Ourense, pasando pola Delegación da Xunta e a Subdelegación do Goberno español.

Na lectura final do manifesto unitario, as organizacións convocantes chamaron a atención sobre a caída do número de persoas produtoras de alimentos no noso país, pouco máis de 70.000 labregas e labregos no presente ano.

As mobilizacións na Limia "irán a máis"

O coordinador na Limia da Federación Rural Galega (Fruga), José Manuel Nieto, explica a Nós Diario que a convocatoria da manifestación vén dada "por unha táboa de reivindicacións que se realizou en Xinzo de Limia ha uns meses cunha tractorada".

Desde esa protesta mantiveron "dúas reunións co Conselleiro mais só con promesas e ningún feito". Agora, cunha situación que cualifica de "insoportábel", aumentaron os problemas polo "aumento do gasóleo e da luz". Este sindicalista alerta, a maiores, da "ameaza que temos de que a zona sexa declarada zona vulnerábel aos nitratos e non sabemos o que vai pasar". Nieto cre que "agardan a que pasen as eleccións para darnos o golpe definitivo".

En todo caso, di que as mobilizacións continuarán "e irán a máis" nos vindeiros meses. 

Desde o SLG, a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba considera que "ninguén pode negar que a produción agrícola véndese por debaixo de custos" algo que "a Lei da Cadea Alimentaria prohibe".

Por este motivo, cre que as Administracións galega e española "non fixeron abondo para impedir que se fixese esa acción abusiva". Vilalba opina que "a Xunta está a actuar dun xeito absolutamente irresponsábel", polo que "a cidadanía ten que comezar a tomar consciencia de que o PPdeG é unha organización ao servizo das grandes industrias alimentarias". 

Para o presidente da Asociación de pataqueiros da Limia, Amador Díaz, a situación “é desesperante”. Sinala en declaracións a Nós Diario que o aumento de gastos “está a obrigar ao feche de moitas explotacións”.

Apunta que “hai que mudar o rumbo”, en relación ás decisións das Administracións galega e española. “O gasóleo antes valía 0,70 céntimos e agora vale 1,50 céntimos”, asegura, “outro tanto do mesmo para o prezo dos abonos, que se triplicaron, engade. Ao encarecemento do custo da produción suma “a entrada de produtos doutros países, que non teñen garantías alimentarias e que empregan elementos que aquí están prohibidos”. 

Prezo do carburante

Desde Unións Agrarias vese con especial preocupación a alza dos prezos do combustíbel. "O gasto en gasóleo que un agricultor asume por cada día de sementeira pasou dos 1.500 aos 2.500 euros", aseguran, "algo que hai que sumar á escalada imparábel da enerxía e dos fertilizantes, que duplicaron o seu prezo debido ás limitacións a exportación de Rusia.

Demandan, daquela, que algunhas das reformas previstas na ultima revisión da PAC deben de ser repensadas "até que o escenario mundial non sexa máis estábel".

Comentarios