Denuncian falta de control e contratos abusivos da industria ás granxas de carne

A Xunta da Galiza constata nun informe  a venda a perdas no sector da carne na Galiza. Fruga e Sindicato Labrego denuncian que non contan con información da Administración galega e UUAA valora iniciar mobilizacións.
Explotación gandeira de carne en extensivo localizada en Laza (Foto: Nós Diario).
photo_camera Explotación gandeira de carne en extensivo localizada en Laza (Foto: Nós Diario).

O último informe sobre custos de produción da carne presentado pola Consellaría de Medio Rural constata a venda a perdas no sector na Galiza, concretamente en granxas de Tenreira Galega Suprema (TGS). Nel sinálase que o custo de produción é de 6,20 euros o quilo canal e os prezos percibidos actualmente por TGS oscilan entre os 5,10 e os 5,20 euros/quilo canal.

O propio conselleiro de Medio Rural, José González, remarcaba a diferenza deste euro por quilo e apuntaba a unha reunión coa industria, da que non se ten constancia, para tratar do cumprimento da Lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria. 

Fontes da Consellaría aseguran a Nós Diario que o Goberno galego "creou unha nova unidade que asume as funcións da Axencia de Control Alimentario na Galiza para supervisar o cumprimento das obrigas en materia de información e control alimentarios, conforme ao estabelecido pola Lei da cadea alimentaria". Segundo Medio Rural, "no marco desa nova unidade de control, os inspectores galegos levarán a cabo os controis pertinentes e levantarán as actas que correspondan para abrir os expedientes sancionadores que procedan, de detectarse algún incumprimento".  

Fruga demanda activar o organismos de control

O coordinador de Sectores Gandeiros da Federación Rural Galega (Fruga), Elías Somoza, lembra que esta organización non asinou ese acordo e cre que a Xunta "vendeuno como a panacea e agora, unha vez que foi asinado, en teoría a propia Administración galega tería que telo resolto cando en realidade non fixo nada".

Somoza recorda a Nós Diario que "ten que haber mecanismos de control e o propio conselleiro falou no seu momento dun organismo para a protección dos prezos" polo que se pregunta "a que espera para poñelo en marcha?".  

O SLG denuncia varios contratos abusivos

Desde o Sindicato Labrego Galego (SLG), o seu coordinador do Sector Vacún de Carne, Brais Álvarez, denuncia que, desde que a Xunta dera a coñecer o custe mínimo de produción, comezou por parte da industria unha práctica na compra dos tenreiros nas granxas que consiste en facer asinar un contrato no que se recolle que se adquire o animal por un prezo que cubre os custes de produción".

Este sindicalista apunta que "ese prezo do contrato é inferior ao que se define no estudo da Xunta e tamén ao que ten o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación". Por este motivo, cre que "a industria busca unha maneira de axustarse á lei sen cumprila". Álvarez asegura que, malia a situación, Medio Rural "non está convocando aos sindicatos que non asinamos o acordo no mes de marzo". 

Unións Agrarias valora mobilizacións

Desde Unións Agrarias (UUAA) consideran que a situación é “insostíbel” para o sector produtor de carne na Galiza. 

Félix Porto, responsábel de Área Externa deste sindicato, demanda á Administración galega que "cumpra cos compromisos adquiridos" e valora "convocar mobilizacións se a Xunta da Galiza non move ficha, activa o orzamento comprometido para paliar a suba de custos que afoga o sector produtor e pon en marcha os mecanismos necesarios para que a Lei de Cadea comece a cumprirse dunha vez". 

Comentarios