O Executivo estatal eleva o teito de gasto de 2023 en 1,1% con respecto ao de 2022

Ademais, o Goberno español nega afán recadador nas novas cotas de autónomos, ao tempo que lanza novas axudas para reducir as emisións do transporte público colectivo.
De esquerda a dereita: Nadia Calviño, Isabel Rodríguez, María Jesús Montero e José Luís Escrivá, onte despois do Consello de Ministros. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera De esquerda a dereita: Nadia Calviño, Isabel Rodríguez, María Jesús Montero e José Luís Escrivá, onte despois do Consello de Ministros. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O Consello de Ministros do Estado español aprobou esta terza feira o límite de gasto non financeiro, coñecido como teito de gasto, dos Orzamentos do Estado para 2023, que se eleva á cifra récord de 198.221 millóns de euros, o que supón 1,1% máis respecto ao exercicio anterior, incluíndo os fondos procedentes da Unión Europea (UE).

Con este paso, o Executivo estatal dá inicio a elaboración das últimas contas públicas desta lexislatura, que teñen como obxectivo "consolidar o crecemento económico e a creación de emprego", mais tendo en conta o complexo panorama económico  marcado pola crise inflacionista.

O aumento do límite de gasto non financeiro do Estado aprobado inclúe tamén 25.156 millóns de fondos europeos. Estes recursos comunitarios compóñense de 23.840 millóns procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e de 1.316 millóns do fondo React-EU.

Así mesmo, o teito de gasto de 2023 tamén contempla unha transferencia de 19.888 millóns á Seguridade Social, 8,1% máis que en 2022. "Uns recursos que mostran o compromiso do Goberno co Pacto de Toledo e a sostibilidade do sistema público de pensións", remarcou esta terza feira a ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero.

Xunto ao 'teito de gasto', o Goberno español actualizou os obxectivos de déficit. Facenda mantivo a súa previsión, ao augurar un desaxuste de 5% do PIB este ano, e estabeleceu unha taxa de referencia de 3,9% do PIB en 2023, a mesma incluída no Programa de Estabilidade 2022-2025 enviado en abril a Bruxelas.

A senda a medio prazo do Goberno estabelece a redución do déficit por baixo de 3% do PIB en 2025. As taxas de referencia, que substitúen aos obxectivos de estabilidade, contemplan que o déficit se reducirá máis de 60% desde o inicio da pandemia, até situarse en 3,9% en 2023.

A principal novidade radica na maior marxe de gasto para as autonomías, que pasan dunha taxa de referencia de 0,1% contemplado no Programa de Estabilidade de abril, a unha taxa de 0,3% para o mesmo ano. É dicir, dúas décimas máis de déficit que darán ás autonomías máis capacidade de investimento en políticas chave da súa competencia. Esas dúas décimas serán asumidas pola Administración estatal, que terá unha taxa de referencia do déficit máis exixente.

As entidades locais terán unha taxa de referencia para 2023 equivalente a un superávit de 0,1% do PIB, fronte ao superávit de 0,2% recollido no Programa de Estabilidade de abril. Na práctica, isto significa que os Concellos terán máis marxe para gastar o seu superávit.

Novo sistema de cotización de autónomos

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, afirmou que o obxectivo do novo sistema de cotización de autónomos por ingresos reais, aprobado esta terza feira polo Consello de Ministros "non é en ningún caso recadador". 

"En principio, a nosa impresión é que o saldo de ingresos e gastos da Seguridade Social manterase inalterado como resultado deste novo réxime de autónomos", indicou, ao tempo que sinalou que a reforma permitirá que un de cada dous profesionais por conta propia teña a posibilidade de cotizar "sensibelmente menos".

Axudas para reducir as emisións de CO2 do transporte urbano

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana activou a segunda convocatoria de axudas a municipios para dixitalizar e descarbonizar a mobilidade urbana, neste caso de 500 millóns de euros destinados a Concellos.

Esta convocatoria completa o orzamento de 1.500 millóns de euros previstos para esta liña do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, cuxo obxectivo é contribuír a mellorar a calidade do aire e mitigar o ruído mediante o impulso de zonas de baixas emisións (ZBE) e a transformación sostíbel e dixital do transporte urbano.

O programa diríxese a municipios con máis de 50.000 habitantes, a capitais de provincia e a municipios de entre 20.000 e 50.000 habitantes que cumpran determinadas condicións, como dispor dun servizo de transporte público colectivo urbano interior.

Comentarios