O Goberno transferiu a Madrid 400% máis do consignado nas Contas

O Goberno estatal investiu na Galiza só 69,7% do orzamentado para 2021

Os orzamentos do Estado de 2021 recollían un investimento para Galiza de 832 millóns de euros. Malia que a cantidade consignada representaba unha baixa de 11% en relación con anterior anualidade, as partidas incorporadas ás contas públicas non foron investidas na súa totalidade. Segundo recolle unha liquidación orzamentaria remitida polo Goberno aos deputados do PP, o Estado só investiu na Galiza 69,7% do aprobado.

 

Alcoa San Cibrao
photo_camera O Goberno transferiu a Madrid 400% máis do consignado nas Contas. (Foto:Nós Diario).

As contas públicas do Estado de 2021 destinaban para Galiza 832 millóns de euros. A contía significaba unha baixa de 11% do presupostado para o país en 2020 e significaba a cifra máis baixa desde 2004. Precisamente, desde esa anualidade o investimento previsto na Galiza superou  en todos os exercicios os 1.000 millóns de euros, agás en 2017 que sumou 924, 6 millóns de euros e en 2019 cando se situou en 936, 7 millóns de euros.

A caída dos investimentos provocou unha dura reacción do PP e do BNG e xerou grande malestar nas propias filas dos socialistas galegos, unha parte dos cales afearon a Gonzalo Caballero a súa posición submisa cara a Madrid. Un dos motivos centrais das queixas era que o retallo orzamentario producíase ao tempo que aumentaba o gasto no conxunto do Estado en 50%, chegando a un incremento de 83% en Murcia, de 63% en Asturias, de 57% en Valencia e de 56% en Nafarroa,

O Goberno do Estado, nunha recente resposta a unha pregunta escrita dos deputados populares, recoñeceu que o Executivo de Sánchez só investiu na Galiza 69,7% do consignado para 2021. Segundo estes mesmos dados, ficaron sen executar na Galiza nese exercicio 260 millóns de euros, sendo transferida unha parte importante desta contía a financiar  diversas actuacións na Comunidade de Madrid.

A orientación das contas de 2020 situouse na liña dos fondos Covid e React-EU. O primeiro repartiu entre todas as comunidades 16.000 millóns, con Madrid á cabeza con 3.346 millóns e Galiza nos postos de cola con 735 millóns O criterio de reparto repetiuse co fondo React-EU, que reservou para Galiza 441 millóns, 4,4% do total do fondo de 10.000 millóns.

Madrid gaña

Madrid veuse favorecida en 2021 cun investimento de 800 millóns de euros, practicamente 600 millóns máis do previsto nos orzamentos do Estado. As novas partidas achegadas polo Goberno dirixíronse a diferentes actuacións, entre elas librar de peaxes as estradas A-2 e A-4 , a adquirir novos edificios públicos, aumentar as dotacións de centros de ocio ou museos e asignar máis fondos diversos programas gobernamentais como o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.

A operativa aplicada en  2021 a execución das contas públicas non é un caso illado. A redución por parte do Estado do investimento inicialmente previsto ven sendo unha práctica habitual. Sen ir máis lonxe, o Goberno de Raxoi deixou sen executar na Galiza  entre 2011 e 2018 actuacións aprobadas nos orzamentos por un importe de 2.590 millóns de euros

Comentarios