O novo teito de gasto, con 93 millóns menos, prognostica uns orzamentos á baixa para a Galiza de 2022

Ás portas do debate sobre o teito de gasto o PP lanza unha mensaxe de “optimismo e confianza na recuperación” mentres que o BNG alerta da redución de 93 millóns de euros na capacidade de gasto. O PSdeG demanda á Xunta que poña “vontade e eficacia” para xestionar a “capacidade histórica de gasto”.

Sesión de control no Parlamento da Galiza. (Foto: Europa Press)
photo_camera Parlamento da Galiza (Foto: Europa Press).

O Parlamento galego reúnese esta terza feira, 3 de agosto, en pleno extraordinario para a aprobación do teito de gasto para 2022. O Consello da Xunta cifrouno xa en 11.571 millóns de euros (93 millóns por baixo dos 11.664 millóns aprobados para 2021). Este debate marca o punto de partida para o inicio da elaboración dos Orzamentos da Xunta para o ano 2022 e anticipa, segundo o BNG, unhas contas "rutineiras, repetindo receitas fracasadas e con menos gasto pese a crise sen precedentes”. A posición da formación nacionalista dista moito da do PP, que fala dun aumento na capacidade de gasto de case 8 millóns para o ano que vén. E isto débese a que o Goberno galego está a comparar a nova proposta de teito de gasto non coa deste ano, senón cos Orzamentos da Xunta de 2021 que ficaron en 11.563 millóns cando podían ter chegado até os 11.664 previstos nese teito de gasto. 

Así, a deputada nacionalista Noa Presas criticou esta 2 de agosto en rolda de prensa a redución da capacidade de gasto en 93 millóns de euros. “En 2020 aprobamos un teito de gasto de 11.664 millóns e a semana pasada o Consello da Xunta aprobou un límite de 11.571 millóns", lamentou.

Ante isto, a nacionalista demandou un incremento do investimento con máis fondos e indicou que a vía para conseguilo é unha relación en pé de igualdade entre a Xunta e o Estado. “Se realmente queremos que a Galiza reciba o que lle corresponde ten que haber unha negociación bilateral como teñen Euskadi, Catalunya ou Andalucía, que xa pediron esta comisión bilateral. Por que ao PP lle parece ben noutros territorios e aquí non fai nada nesa dirección?”, interpelou.

O BNG pide ademais que nesa comisión bilateral Xunta-Estado que propón haxa tres asuntos sobre a mesa: negociación dos fondos europeos de recuperación, investimento a través dos orzamentos do Estado do próximo ano -agora que están en elaboración-, e un novo modelo de financiamento "que dea á Galiza a chave dos seus cartos".

“Vontade e eficacia”

Pola súa banda, o PSdeG reclamou á Xunta que poña "vontade e eficacia" á hora de xestionar o que considera esa "capacidade histórica de gasto", e advertiu de que, "se hai máis diñeiro que nunca, non pode haber unha Xunta de brazos caídos, en inacción".

Así o trasladou en rolda de prensa o secretario  xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, quen puxo en valor que o Executivo de Pedro Sánchez estea "a marcar unha política expansiva" para afrontar a saída da crise provocada pola pandemia, fronte ao "austericidio" das políticas de Gobernos anteriores do PP.

Respecto diso, considerou que a Galiza poderá realizar un novo gasto histórico e que contará cos fondos extraordinarios procedentes da UE. Neste contexto, recalcou, "o que hai que pedir á Xunta é que goberne", e reclamou á Administración galega "vontade e eficacia" para a xestión dese gasto.

"Se hai máis diñeiro que nunca, non pode ser que siga a Atención Primaria nunha situación debilitada ou os despedimentos de centos de profesores", proclamou Gonzalo Caballero, que engadiu que "é hora de despregar todas as competencias e capacidades”.

O socialista non quixo adiantar o voto do seu grupo no parlamento no debate do teito de gasto, pero recoñeceu que, fronte a un "positivo" incremento do teito de gasto, hai un Goberno galego que non ten vontade de acordo nin de diálogo e "actúa como un rodete", o que "dificulta" o apoio dos socialistas.

Críticas do PP ao Goberno español

O viceportavoz do grupo parlamentario popular e secretario  xeral do PP galego, Miguel  Tellado, insistiu en que o teito de gasto que levará esta terza á Cámara é "excepcional, realista, prudente e rigoroso", e celebrou que a Galiza poida incrementar os seus recursos "grazas á sentenza do Tribunal Supremo que obrigou” o Goberno español a transferir os fondos da liquidación do IVE de 2017. "Sánchez negouse a pagar, pero este Goberno moroso, mentireiro, agora está obrigado a facelo por orde xudicial", subliñou.

En todo caso,  Tellado explicou que os principais obxectivos do Goberno galego con este teito de gasto serán, entre outros, "asegurar a capacidade económica, impulsar a reactivación do emprego e garantir a protección aos sectores máis afectados" pola pandemia.

Comentarios