Máis de 1.500 autónomos fecharon os seus negocios no que vai de ano

A crise non dá tregua ás traballadoras e traballadores por conta propia. Os datos do Réxime Especial de Autónomos do primeiro trimestre de 2022 sitúan este colectivo á cabeza da destrución de emprego. Entre xaneiro e marzo perdéronse 1.505 postos de traballo.

comercio peche liquidacion
photo_camera 626 comercios e 253 locais hostaleiros fecharon a porta na Galiza ao longo deste ano.

A Galiza contaba a 31 de marzo de 2022 con 207.304 persoas de alta no Réxime Especial de Autónomos (RETA). A cifra representa 1.505 traballadoras e traballadores  por conta propia menos que a comezos de xaneiro, nunha tendencia descendente que semella non ter fondo desde 2009. A caída do emprego autónomo continuou producíndose no país desde 2018, malia que os indicadores económicos certificaban unha recuperación da actividade noutros ramos da produción.

O Estado gaña autónomos

O comportamento do emprego autónomo na Galiza é diferente á do resto do Estado. Mentres en marzo de 2022 se producía un incremento de altas no RETA de 7.878 persoas no conxunto estatal, coa práctica totalidade das comunidades gañando afiliados, só a Galiza e Melilla perdían traballadoras e traballadores por conta propia. A este respecto, no país destruíuse emprego autónomo nos sectores da actividade económica que se resgardan baixo o paraugas deste réxime fiscal.

Así, até 626 comercios fecharon a porta na Galiza no que vai de ano. Segundo os datos achegados pola Unión Profesional de Traballadores Autónomos (UPTA), na actividade comercial ocúpanse no país 47.500 autónomas e autónomos, sendo este o sector con máis afiliación ao RETA. As causas desta dinámica responden a razóns estruturais, derivadas da mudanza nos hábitos de consumo, porén están sendo agudizadas polas especiais circunstancias económicas da pandemia e da suba dos prezos.

A UPTA sinala que "o téxtil e o calzado son os máis prexudicados na crise destes tres últimos anos, as empresas fabricantes, principalmente españolas, venden os seus produtos practicamente ao mesmo prezo que para a venda en liña, e os pequenos comerciantes non poden competir co comercio por internet. Esta situación asfíxiaos e estaos levando á quebra". Nesta liña, reclaman "a intervención urxente do Estado para controlar os prezos de referencia de venda" e denuncian "o dumping que se está producindo, vulnerando o dereito á competencia".

En canto aos estabelecementos hostaleiros, 253 cesaron a súa actividade desde o comezo do ano. A este respecto, o presidente de Hostalaría.gal, Lois Lopes, sinala a Nós Diario que "hai unha mellora innegábel respecto dos tempos da pandemia, pero agora que está comezando a tempada media hai que mirar como evoluciona a situación". Na mesma liña, observa con preocupación "a actual escalada de prezos, até o punto de que inflación subiu máis de 10%. Porén nós só conseguimos actualizar os prezos de media en 3%, polo que é obvio o que estamos perdendo".

Lopes recoñece a imposibilidade de repercutir ao consumidor final a suba de prezos. Nesta liña, sinala que "o incremento da inflación está a afectar de modo decisivo o poder adquisitivo, polo que aumentar os custos dos produtos á clientela no mesmo nivel que medra para as hostaleiras e hostaleiros provocaría un descenso do consumo nos nosos negocios". Ao tempo, lembra que "a suba da luz vén desde mediados de 2021, se ben os primeiros golpes deixáronse notar cos recibos do mes de setembro". Tamén denuncia "o incremento dos custos das materias primas, que non é só o aceite, senón o pan, a fariña...".

23.854 autónomos menos desde o ano 2009

Os datos deste primeiro trimestre de ano sitúanse na liña de todas as anualidades desde 2009. Se á volta de marzo dese ano -cando Alberto Núñez Feixoo chegou á Presidencia da Xunta- a Galiza dispuña de 231.158 persoas ocupadas por conta propia, 13 anos despois reducíronse a 207.304, perdéndose nese período 23.854 empregos. Mesmamente, a existencia dunha importante porcentaxe de falsos autónomos, que a profesora da Universidade Carlos III de Madrid, Raquel Carrasco e a súa compañeira da Universidade de Alcalá Virginia Hernanz cifran en "30% do total de autoemprego na Galiza", non dan compensado estes números.

Xunto á destrución do emprego autónomo, prodúcese ao tempo un incremento da precariedade e do empobrecemento no colectivo. A este respecto, os traballadores e traballadoras do RETA declaran uns ingresos medios anuais de 10.300 euros fronte aos 21.600 euros das persoas asalariadas, rexistrando as pensións máis baixas de todo o Estado.

Segundo os datos fornecidos pola Asociación de Traballadores Autónomos (ATA), as pensións medias dos autónomos galegos están cifradas en 668,9 euros, 518 euros por baixo dun asalariado, con Ourense presentando a peor contía, con 646,84 euros; seguida de Lugo, con 647,31 euros; A Coruña, con 692,31 euros; e Pontevedra, con 698,24 euros.

Comentarios