A reforma das pensións prexudica as e os traballadores autónomos

As pensións das persoas autónomas galegas, á cola do Estado

A idade das traballadoras e traballadores por conta propia non deixa de medrar na Galiza. Segundo os datos ofrecidos polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, de 209.000 persoas de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA), 80% deles superan 44 anos, a unha terceira parte só lle quedan 10 anos para xubilarse e só 1% é menor de 25 anos.
Comercio por pechar en Compostela
photo_camera A Galiza lidera a destrución de emprego autónomo no Estado.(Foto: Europa Press)

As razóns desta situación están determinadas pola propia tendencia demográfica da Galiza pero tamén porque as súas condicións laborais non son as máis atractivas para a xente moza, até o punto de que as traballadoras e traballadores deste réxime declaran uns ingresos medios anuais de 10.300 fronte a 21.600 das persoas asalariadas.

Os autónomos galegos cobran a pensión de xubilación máis baixa do Estado. A este respecto, un informe elaborado pola Asociación de Traballadores Autónomos (ATA) sinala que a pensión media dun traballador por conta propia na Galiza é de 668,9 euros, 518 euros por baixo dun asalariado, con Ourense presentando a peor contía, con 646,84 euros, seguida de Lugo con 647,31 euros, A Coruña con 692,31 euros e Pontevedra con 698,24 euros. Porén, só 75,7% dos autónomos galegos pagan a cota mínima, fixada en 289 euros, fronte a 85,7% de media do conxunto do Estado.

As autónomas e autónomos vascos cobran unha pensión de xubilación de 927,7 euros, seguidos dos navarros con 881,5 euros e colocándose a continuación os madrileños con 854,9 euros, os ceutís con 829,4 euros, os aragoneses con 823,5, os cataláns con 819, os rioxanos con 811,7, os valencianos con 791,7 euros, os murcianos con 781,1 euros, os manchegos con 773,8 euros, os asturianos con 761, os canarios con 718,5, os estremeños con 728,7 euros e os baleares con 737,5. Neste sentido, un pensionista do RETA de Euskadi recibe unha xubilación 258,8 euros superior ao da Galiza.

Unha situación chamada a empeorar

Un informe elaborado polo prestixioso Grupo de Investigación en Pensións e Protección Social da Universitat de València e da Universidade de Estremadura, en relación co impacto no poder adquisitivo do aumento do período de cálculo das pensións, alerta de que a situación vai empeorar e advirte do difícil contexto que enfronta de cara ao futuro o colectivo de traballadores por conta propia.

O relatorio destaca que “os colectivos máis prexudicados polo alongamento do período de cómputo serían os autónomos, pois a inmensa maioría cotizan polas bases mínimas durante os períodos máis afastados da idade de xubilación”. A este respecto, os autónomos presentan un retallo na contía inicial notabelmente superior ao dos traballadores integrados no réxime xeral, sinalando que “estamos diante dunha discriminación evidente”.

O Grupo de Investigación en Pensións e Protección Social afirma que “o réxime de autónomos sairía máis prexudicado, cunha baixada de 10,3%, fronte a 8,6% de redución no réxime xeral, debido a que no de autónomos non se integran as lagoas de cotización, é dicir, os meses non cotizados computan con cero euros, penalizando fortemente o valor da base reguladora”.

As razóns da nova reforma das pensións

A decisión de aumentar o período de cómputo das pensións é a primeira contrapartida asumida polo Goberno español dentro do plan de asistencia financeira estabelecida pola Comisión Europea como parte do programa Next Generation. Enmárcase dentro dunha proposta máis ampla de reforma do actual sistema, onde cómpre situar o proxecto remitido polo Executivo ao Congreso dos Deputados no mes de xullo.

Segundo o profesor da Universitat de Barcelona Ramón Franquesa, a iniciativa destaca polo “seu carácter neoliberal” e por partir “dun documento manipulado que pretende xustificar uns determinados recortes”. As políticas de desvalorización interna marcan o rumbo da mesma.

Comentarios