A entrada da Galiza no corredor de hidróxeno terá que agardar: "É un fracaso das Administracións"

O Diario Oficial da Unión Europea publicou esta segunda feira a súa listaxe de Proxectos de Interese Comunitario (PIC) para o corredor de hidróxeno H2Med confirmando que non figura a conexión de Zamora con Guitiriz. Enagás, a empresa promotora do proxecto, anuncia que acudirá á seguinte convocatoria mentres hai voces que falan de "fracaso" das Administracións.
Mapa co percorrido estimado que entra dentro do corredor de hidróxeno na listaxe de Proxectos de Interese Comunitario (PIC).
photo_camera Mapa co percorrido estimado que entra dentro do corredor de hidróxeno na listaxe de Proxectos de Interese Comunitario (PIC).

O corredor de hidróxeno H2Med non contará, polo menos de inicio, co ramal que chegaría á Galiza a través conexión de Zamora (Castela e León) con Guitiriz (A Terra Chá). Confirmouno esta pasada segunda feira o Diario Oficial da Unión Europea na súa listaxe de Proxectos de Interese Comunitario (PIC). Malia que Enagas, promotor actual do proxecto, asegure que volverá presentar a proposta na seguinte convocatoria, previsibelmente a finais deste ano, algunhas voces indican que o feito de que non estea incluído desde o inicio no corredor xa conta con algunhas consecuencias negativas. 

Un "fracaso" das Administracións

En opinión do profesor da Universidade da Coruña (UDC) e especialista en política enerxética, Fernando de Llano, “é unha moi mala noticia” que retrata “un paso atrás” para o país. En declaracións a Nós Diario apunta que “non estar agora implica que Galiza non está considerada como o que é: un territorio que abastece ao resto do Estado español de electricidade”. Neste sentido, entende que a situación actual "é un fracaso das Administracións" e pode marcar, a nivel d e imaxe, "unha perda de confianza" no posicionamento enerxético no panorama europeo. 

A falta de conexión coa rede que conecta con Europa deixaría a Galiza "fóra do ámbito europeo enerxético", ademais de "limitar a chegada de posíbeis investimentos que virían atraídos por esta infraestrutura". O panorama que visibiliza De Llano é o dun país ao que se lel quitaría "un elo de futuro". 

Enagás acudirá á seguinte convocatoria 

Fontes de Enagás, promotor actual do proxecto, indican a Nós Diario que o presentará de novo na próxima convocatoria de PCI que terá lugar a finais de 2024. "É a primeira listaxe e haberá outras nas que tamén se poida acceder a financiamento europeo", aseguran, "en todo caso esta noticia non indica que o proxecto galego quedará fóra de maneira definitiva da rede europea", engaden. A compañía explica que é "proceso longo, mesmo para os que están na listaxe actual, terá moitas etapas".

Trasladan, ademais, o seu compromiso coa iniciativa que presentou Reganosa en decembro de 2022 e que despois continuou tras o acordo entre as dúas compañías en setembro de 2023. Para a seguinte convocatoria contarán co resultado definitivo da Call For Interest que a compañía levou a cabo no último trimestre de 2023. Nesta consulta non vinculante participaron a nivel estatal 206 empresas, das que 45% rexistrouse como produtores, 40% como consumidores e 15% como comercializadores, con 650 proxectos -65% de produción, 20% de consumo e 15% de comercialización- a través dun proceso aberto. 

Ir ao autoconsumo

Desde a Asociación Galega do Hidróxeno (AGH2), entidade que agrupa os principais operadores do sector, a súa xerente, Maite Gutiérrez, indica a Nós Diario que “agradece o compromiso de Enagás” mais o sector ten claro que “non podemos quedar fóra da autoestrada do hidróxeno, algo que faría que fósemos unha illa enerxética”. Entende que o importante de todo este proceso “está directamente ligado ao desenvolvemento industrial e este está relacionado co consumo”. Neste sentido asegura que xa contan con 25 proxectos en tramitación que traballarán con esta realidade. Para Gutiérrez, “non foi unha boa noticia, preferíamos facer de maneira simultánea o proceso de conexión co resto do Estado español”. 

A alternativa dos portos

Desde AGH2 xa están pensando noutras iniciativas para paliar esta situación. "Non temos que esquecer que temos como alternativa temporal os nosos portos", lembra Maite Gutiérrez, "contamos cunha situación na que estamos en contacto coas principais rutas comerciais, polo que probabelmente será unha ferramenta que teñamos que empregar até que chegue a outra", engade.   

Esta terza feira mesmo en Compostela, durante o seu discurso no Parlamento galego, o presidente da Xunta da Galiza en funcións e candidato do PP á investidura, Alfonso Rueda, aludiu a este tema asegurando que o seu executivo "seguirá defendendo a incorporación de Galiza á rede española de hidrodutos, para ofrecer o soporte necesario aos proxectos baseados no hidróxeno verde que están demostrando o seu interese por instalarse en Galiza".

A importancia do H2 como tecnoloxía de almacenamento

“O hidróxeno será fundamental como unha tecnoloxía de almacenamento enerxético, vinculada co aproveitamento renovábel”, asegura o profesor da UDC Fernando de Llano. Segundo este especialista en política enerxética, na Unión Europea (UE) hai unha necesidade de gañar “seguridade e independencia” neste eido. Ademais, considera que o hidróxeno será "un elemento de transformación industrial, que será moi positivo para territorios, como o noso, que poidan telo".

A cadea de valor do hidróxeno esténdese ao longo das diferentes etapas que abarcan desde a súa produción até o seu consumo final en diferentes formas, incluíndo a produción de electrolizadores (membranas, eléctrodos), en caldeiraría (depósitos para almacenamento en fase gas), liquida (depósitos criogénicos) e en fase sólida (almacenamento en hidruros). A Galiza, segundo a Asociación Galega do Hidróxeno (AGH2), conta con condicións idóneas, como os 1.180 mm de pluviosidade de media anual, para a produción de hidróxeno e outros gases limpos. A súa previsión é xerar 100.000 termias en 2030, polo que prevé crear máis de 4.000 postos de traballo.

Comentarios