Enerxéticas e banca gañaron 16.000 millóns en medio ano, o triplo do que lle restará a nova taxa do Goberno español

Unha central de transformación de Iberdrola (Foto: Iberdrola).
photo_camera Iberdrola, empresa enerxética que aumentou os seus beneficios en 36% até xuño deste ano. (Foto: Europa Press)

A proposición de lei para estabelecer un imposto sobre as vendas de enerxéticas e banca no Estado español, admitida a trámite no Congreso a principios de semana, afectará unha vintena de grandes empresas durante dous anos, 2023 e 2024, aínda que referidos ao exercicio previo. Os cálculos do Executivo son recadar 7.000 millóns de euros con este tributo nese tempo. Unha cifra que fica por baixo da metade dos beneficios que as principais enerxéticas e bancos rexistraron só nos primeiros seis meses de 2022.

O gravame, presentado polo Goberno estatal como unha medida política progresista fronte aos "poderosos" e acollido polos afectados —enerxéticas e bancos—con belicosidade; apenas altera un modelo no que só as principais empresas destes dous sectores obtiveron beneficios entre xaneiro e xuño por riba dos 16.000 millóns de euros.

"As enerxéticas obteñen beneficios récord no primeiro semestre pola suba de prezos pola guerra de Ucraína", resumían os manchetes da prensa daqueles días a choiva de ganancias. Só as tres grandes eléctricas (Naturgy, Iberdrola e Endesa) sumaron neses meses un resultado de 3.500 millóns, 24% máis de ganancias. De engadir enerxéticas como Repsol, cun beneficio neto nese período de 2.500 millóns, a conta do sector sobe por riba dos 6.000 millóns de euros de ganancias en só seis meses. O Executivo calcula ingresar 2.000 millóns por todo 2022. As enerxéticas pagarían iso simplemente co 30% dos beneficios obtidos entre xaneiro e xuño deste ano. 70% restante —e toda a ganancia do segundo semestre—ficaría nas súas gananciais.

Gravame de 4,8% á banca

O tributo do Executivo español tamén procura un gravame de 4,8% á banca sobre as súas comisións e intereses netos. De aquí pretende recadar 1.500 millóns de euros anuais durante 2023 e 2024.  Só a grande banca española—as cinco principais entidades financeiras— gañou nos seis primeiros meses deste exercicio 10.300 millóns de euros. Bancos como o Santander aumentaron o beneficio en 33% e o BBVA en perto de 57%. Abanca fechou este primeiro semestre cun aumento nas ganancias de 14,3% (máis de 104 millóns).

Así pois, todo o que o Goberno prevé recadar da banca en dous anos con este tributo (3.000 millóns de euros), a banca pódeo cubrir con só un terzo dos seus beneficios en seis meses. Unha banca á que se recatou na crise financeira de 2009 cunha inxección de diñeiro público de máis de 60.000 millóns de euros. O Banco de España recoñecía en 2020 que desa cantidade o sistema financeiro o FROB (Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria) apenas recuperara 6.000 millóns: só un de cada 10 euros investidos. O sistema financeiro, ademais,  vai fechar este ano con mellores resultados dos agardados, e que xa eran optimistas de por si, como consecuencia da suba de tipos de xuro en 75 puntos decidida polo Banco Central Europeo (BCE): a banca revalorizouse 10% nas bolsas após esta decisión.

Por outra parte, o Goberno español anunciou onte que vai estudar adaptar a súa proposta de imposto á taxa impulsada pola Comisión europea, menos "dura" cos bancos e enerxéticas.

Comentarios