O Congreso aproba os novos impostos á banca e as grandes eléctricas

O Goberno de coalición obtivo o apoio de BNG, ERC, PNV, EH-Bildu, Coalición Canaria e a CUP.
O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, no seu escano no Congreso, esta quinta feira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, no seu escano no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A maioría do Congreso español avalou nesta terza feira os novos impostos a grandes empresas enerxéticas e á banca expostos por PSOE e Unidas Podemos durante o debate de admisión a trámite da iniciativa, que suscitou o rexeitamento de PP, Vox e Cidadáns. Ademais das formacións que conforman o Executivo, apoiaron a tramitación dos impostos Esquerra Republicana, PNV, EH-Bildu, BNG, Coalición Canaria e a CUP.

"Tempos extraordinarios esixen esforzos extraordinarios", xustificou a portavoz fiscal do PSOE, Patricia Blanquer, asegurando que "a inflación tamén xera gañadores e perdedores" e que "é xusto pedir un esforzo agora".

O portavoz de Unidas Podemos, Pablo Echenique, asegurou que os novos gravames non ameazan a sustentabilidade financeira dos dous sectores, aos que pediu "que arrimen o ombreiro".

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, centrou a súa intervención na necesidade de que “esta crise non a pague a clase traballadora” e amosouse a favor de aumentar os impostos ás enerxéticas e á banca, mais de forma “permanente” e non temporal e apostou por que o Executivo garanta que estas empresas non repercutan a suba nas persoas usuarias. Tamén defendeu incrementar os impostos ás grandes fortunas e abordar unha reforma tributaria profunda e progresiva.

Entre as bancadas opostas aos novos impostos, o 'popular' Mario Garcés falou de "persecución subxectiva" contra os sectores afectados e de "colectivización".

Adhesión de Suecia e Finlandia á OTAN

Por outra parte, o Congreso español debateu tamén sobre a entrada de Suecia e Finlandia na OTAN, cuxo protocolo de adhesión será previsibelmente ratificado nesta quinta feira. Un dos socios de Goberno, Unidas Podemos, xa anunciou a súa abstención. Pronunciouse a respecto da integración de Suecia e Finlandia na OTAN Rego, que avanzouo voto en contra do BNG e apelou á urxencia de "parar a guerra" e de "rectificar a política irresponsábel da UE e da OTAN".

O resto de grupos non solicitaron tomar a palabra na quenda de toma de posición, mais PSOE e PP garantirán o apoio do Congreso español ao protocolo de adhesión. O PNV, en declaracións aos medios, avanzou que tamén votará a favor.

Comentarios