As centrais hidráulicas aumentaron os seus beneficios en 545% desde 2020

Os beneficios achegados pola electricidade de orixe hidráulica ás enerxéticas son moi superiores aos de calquera outra tecnoloxía de xeración eléctrica. Só desde 2020, as centrais hidráulicas incrementaron as súas ganancias en 545,84%. Os datos do mes de agosto apuntan a cifras históricas.
O encoro dos Peares, cunha potencia instalada de 184 megawatts, é propiedade de Naturgy. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O encoro dos Peares, cunha potencia instalada de 184 megawatts, é propiedade de Naturgy. (Foto: Nós Diario)

O prezo medio da electricidade nos primeiros catro meses de 2022 situouse en 219,33 euros o megawatt/hora, o que representa uns rexistros moi elevados en relación coa serie histórica do mercado grosista. Neste sentido, significa unha alza de 360% en relación co exercicio de 2019, onde o prezo medio anual do megawatt/hora marcou 47,68 euros.

Asemade, rexistra unha suba de 545,84% fronte a 2020, co prezo medio anual do megawatt/hora en 33,96 euros e de 95,95% en comparación a 2021, cando o prezo medio anual do megawatt/hora estivo en 119,93 euros. 
A este respecto, Quico da Silva, membro do colectivo de estudos Bidán, sinala a Nós Diario que “o aumentos dos ingresos das unidades de xeración hidroeléctrica rexistra unhas cifras descoñecidas”.

A produción de electricidade de orixe hidráulica reducirase na Galiza de 2022 en relación coas últimas tres anualidades, como consecuencia da importante seca que está a baleirar a totalidade dos encoros galegos. Segundo os datos achegados por Rede Eléctrica Española (REE) para este ano, referidos en exclusiva aos catro primeiros meses de 2022, a capacidade de xeración das centrais hidráulicas galegas caeu en xaneiro 62% respecto a 2021, en febreiro 79%, en marzo 57% e en abril 56%. Neste sentido, a xeración de electricidade por tecnoloxía hidráulica entre xaneiro e abril colocouse en 1.601.095, 97 megawatts/hora.

As compañías eléctricas obtiveron dos encoros galegos uns ingresos de 335,157 millóns de euros no primeiro cuadrimestre de 2022. Malia a caída da produción, os altos prezos da electricidade deste ano provocaron que a súa facturación estivese por encima da obtida no conxunto de 2019 e 2020. Así, no total da anualidade de 2019 ingresaron 336,393 millóns cunha xeración de electricidade de 7.055.235,42 megawatts/hora e en 2020 268, 892 millóns cunha xeración total entre xaneiro e decembro de 7.917.906,99 megawatts/hora. Neste sentido, o informe elaborado polo Colectivo Bidán recolle que “as centrais hidroeléctricas instaladas nas concas galegas xeraron ás empresas eléctricas entre 2011 e 2020 unhas ganancias de aproximadamente 4.049 millóns de euros”.

Os beneficios achegados pola electricidade de orixe hidráulica ás compañías enerxéticas son moi superiores aos de calquera outra tecnoloxía de xeración. En relación con isto, desde o colectivo Bidán sinalan que “son tantos os beneficios que a enerxía hidráulica produce que no sector son chamados beneficios caídos do ceo”. A esta realidade, contribúe que boa parte das centrais da grande hidráulica, aquelas con máis potencia instalada e con máis capacidade de xeración, levan construídas moitos anos, estando na práctica totalidade dos casos o investimento amortizado. Neste sentido, o Colectivo Bidán cifra os custos de produción dunha central hidroeléctrica en 22,04 euros megawatt hora.

Quico da Silva apunta que “os datos máis recentes dos custos de produción dunha central hidroeléctrica proceden da Confederación Hidrográfica do Ebro (CHE). Se ben un estudo de 2008 da Comisión Nacional de Enerxía cifraba estes custos entre 3 e 7 euros, os números da CHE falan de 22,04 euros megawatt/hora, correspondéndose 10 euros megawatt/hora cos custos anuais de xeración e 12,04 euros megawatt/hora cos custos anuais de mantemento”. Así, os beneficios xerados polos encoros galegos entre xaneiro e abril de 2022 situáronse en 315,881 millóns de euros. 
Asemade, as ganancias en 2019 foron de 180,926 millóns de euros; en 2020 de 294,382 millóns de euros, e en 2021 de 691,464 millóns de euros.

Concesións vencidas

Quico da Silva sinala que “a pregunta á que obrigan os datos debe ser canta desa electricidade e cantos deses ingresos son de concesións xa vencidas. Segundo datos oficiais, poderiamos estar a falar dunha terceira parte da enerxía anual xerada en concesións iniciadas a finais do século XIX e no primeiro terzo do XX, cunha media duns 130 anos, cando o límite legal actual é de 75. A electricidade anual xerada cubriría 14% da demanda anual media galega para o período 2011-2021”.

A excepción galega

Da Silva lamenta que a Xunta  “non siga o camiño doutras zonas do Estado con menor potencial hidroeléctrico que recuperaron as concesións para baixar as facturas da luz dos concellos, da súa veciñanza e de pequenas actividades económicas” ou “tramitan a creación dunha empresa pública”.

Comentarios