A Eurocámara acorda reducir o consumo enerxético e aumentar a aposta nas renovábeis

De cara a 2030, os Vinte e sete deberán elevar a 45% as renovábeis no consumo total de enerxía.
Parlamento Europeo
photo_camera Pleno do Parlamento europeo en Estrasburgo. (Foto: Europa Press)

O Parlamento europeo apoiou nesta cuarta feira a revisión dos obxectivos para reducir o consumo de enerxía e para aumentar a aposta nas enerxías renovábeis, a raíz dunha proposta para unha nova directiva comunitaria presentada polo grupo parlamentario popular.

Nunha resolución con 469 votos a favor, 93 en contra e 82 abstencións, as e os eurodeputados aprobaron en primeira votación que os Estados membro garantan colectivamente un recorte do consumo de enerxía final de, cando menos, 40% de cara a 2030. O nivel de aforro para enerxía primaria debe ser de 42,5% en comparación co nivel de 2007.

Isto supón unha revisión da directiva de Eficiencia Enerxética para aumentar o obxectivo de redución do consumo de enerxía final e primaria para o conxunto da UE.

Noutra votación, con 418 votos a favor, 109 en contra e 111 abstencións, a Eurocámara avalou reforzar a aposta pola enerxía 'verde' e renovábel en Europa, aumentando a porcentaxe no consumo final de enerxía en toda a Unión até 45% en 2030.

As enerxías renovábeis no sector dos transportes deberían conducir a unha redución de 16% das emisións de gases de efecto invernadoiro. A industria debería aumentar o seu uso de enerxías renovables en 1,9% ao ano, e as redes de calefacción urbana, en 2,3%.

Con esta revisión, cada Estado membro terá que desenvolver dous proxectos transfronteirizos para a expansión da enerxía verde no conxunto da Unión. Os países que teñan un consumo anual de electricidade maior, superior a 100 teravatios-hora, terán que desenvolver un terceiro proxecto antes de 2030.

A europarlamentaria do BNG, Ana Miranda, votou a favor de todas emendas que melloraban o texto, mais optou por non votar no voto final "polo problema do impacto eólico actual na Galiza", segundo puido saber Nós Diario. Dado que a proposta non rematou aínda o seu percorrido e voltará agora á comisión competente, o Bloque prefire agardar a que se dea resposta ás denuncias presentadas por Adega perante a Comisión europea.

Comentarios