O imposto ás eléctricas que estuda o Estado español xa se aplica noutros países de Europa

Países europeos como Italia, Reino Unido e Hungría gravan até 80% os beneficios extraordinarios das enerxéticas, unha medida que estuda o Goberno español 
As grandes eléctricas sumaron beneficios millonarios no último exercicio pola venda de enerxía (Foto: Europa Press).
photo_camera As grandes eléctricas sumaron beneficios millonarios no último exercicio pola venda de enerxía (Foto: Europa Press).

O Goberno español ten previsto anunciar hoxe un novo paquete de medidas para conter os efectos da crise de prezos derivada do conflito en Ucraína  e da pandemia da Covid. 

Entre esas medidas, como avanzara esta semana o presidente do Executivo estatal, Pedro Sánchez, estará unha rebaixa do IVE da factura da luz, de 10% actual a 5%, que non acaba de contentar a todo o mundo, xa que non permite compensar todo o que ten subido nestes meses o prezo da enerxía. 

Un dos argumentos dos sectores que exixen unha maior intervención no mercado eléctrico é que esta medida, ademais de non ser progresiva ─beneficia máis ás rendas altas─, non actúa sobre o beneficio das eléctricas, que son as que están a sacar tallada das tensións nos mercados.

Países como Reino Unido, Grecia, Bélxica, Italia, Romanía ou Hungría xa teñen actuado sobre os coñecidos como 'beneficios caídos do ceo' das eléctricas. 

No primeiro deles, a proposta do Goberno é sumarlle 25% ao imposto de sociedades das firmas eléctricas e gasistas para pasalo de 40% actual a 65% durante tres anos.

Resto de Europa

En Italia, Mario Draghi aprobou un imposto extraordinario de 25% aos beneficios das eléctricas. En Grecia e Bélxica traballan tamén para gravar os 'beneficios caídos do ceo', mentres que Romanía xa estabeleceu unha carga fiscal de 80% aos ingresos extraordinarios das eléctricas e Hungría estendeu ese recargo á banca, ás empresas de telecomunicacións e ás aeroliñas.

Caso distinto é o de Francia, onde o presidente Emmanuel Macron optou por limitar xa en xaneiro a 4% a suba do recibo da luz. Pode tomar esta medida grazas a contar cunha eléctrica pública, EDF, que será a que asuma nas súas contas o custo desta medida.

División de opinións

No propio Goberno español hai división de opinións sobre esta medida. Así, o ministro de Presidencia, Félix Bolaños, mostrábase partidario na quinta feira de que as compañías eléctricas acheguen máis, debido aos beneficios "desorbitados" que obtiveron no último ano. Con todo, recoñecía as dificultades á hora de incluír un novo tipo impositivo no decreto anticrise deste sábado, polo que aposta na súa tramitación como unha lei ordinaria.

Comparte esta visión a titular de Facenda María Jesús Montero, que dixo ver con bos ollos gravar os "escandalosos" beneficios das eléctricas para "que acheguen máis" á recadación.

Desde Unidas Podemos, a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, propuxo subir 10 puntos o imposto de sociedades ás eléctricas (até 35%), xunto cun cheque de 300 euros ás persoas máis golpeadas pola crise.

Porén, a vicepresidenta e titular de Economía, Nadia Calviño, asegurou "ignorar" a proposta fiscal exposta por Díaz.

Fóra dos partidos do Executivo, o PP de Feixooamigo de Galán, dono de Iberdrola─ garda silencio sobre o imposto ás eléctricas, mentres que Ana Pontón (BNG) demanda medidas máis "contundentes", como a intervención pública do mercado eléctrico.

Comentarios