Portugal contén a inflación, a metade que a galega, co seu sistema de fixación de prezos

Portugal está menos exposta ás flutuacións de prezos da enerxía e o cru nos mercados, o que fai que a súa inflación sexa case a metade que a galega.
Paso entre a Galiza e Portugal. (Foto: Europa Press)
photo_camera A carga impositiva sobre os carburantes é diferente en Portugal e no Estado español, onde os prezos dependen máis do valor do cru (Foto: Europa Press).

A inflación é algo que xa non preocupa só aos Gobernos. A cidadanía, duns meses a esta parte, mira con preocupación o dato do Índice de Prezos ao Consumo (IPC), que xa está en máximos históricos. No caso da Galiza, a última cifra publicada, a de febreiro, sitúa o incremento dos prezos en 8%, unha cifra nunca antes vista e que supera en catro décimas a do conxunto do Estado español.

Detrás deste forte incremento están a suba dos prezos da enerxía e os combustíbeis, dous elementos que, ademais, fan que o resto de produtos incrementen tamén os seus prezos, xa que dependen da enerxía para ser consumidos e dos carburantes para seren transportados aos puntos de distribución e de venda.

Esta situación está a xerar un profundo malestar entre os sectores afectados, como o transporte, mais tamén entre as industrias e as persoas consumidoras, que desde hai semanas se amorean ás portas das oficinas das eléctricas para tratar de atopar unha explicación aos altos importes das súas facturas.

Moitas destas persoas non son conscientes de que a enerxía leva tempo marcando máximos históricos e marzo vai camiño de ser o máis caro desde que hai rexistros. 

Porén non acaban de entender por que a Galiza, sendo produtora e exportadora de enerxía e contando cunha refinaría no país, paga máis que outros territorios do Estado. 

Un dos motivos é a súa condición de territorio periférico, que en moitos dos casos tense en conta á hora de repercutir os custos do transporte, tanto da enerxía ─que fai un viaxe de ida e volta─ coma dos carburantes.

Tamén inflúen as peaxes que inzan o territorio galego e que incrementan aínda máis o custo dos produtos e servizos. 

O caso de Portugal

Mais, como se adoita a dicir, as comparacións son odiosas. O noso veciño do sur, Portugal, pese a compartir mercado eléctrico co Estado español, fechou o mes de febreiro cunha inflación de 4,2%, case a metade que a galega. Isto explícase no distinto impacto que tivo a suba da enerxía en cada territorio. 

Unha das causas é que o Estado luso, a través da Entidade Reguladora de Servizos Enerxéticos (ERSE), estabelece un prezo fixo durante o ano, aínda que pode revisarse á metade do exercicio se as previsións non se axustan ás do regulador, pero estas modificacións son lentas e prodúcense ao longo do tempo.

Ademais, a fixación do prezo da enerxía prodúcese antes de que varíe o mercado grosista, mentres que no Estado español faise despois e case a tempo real, o que xera fortes flutuacións. Isto fai que, con respecto a 2020, o prezo da electricidade manteña agora uns niveis similares, claro que daquela pagaban un dos prezos máis caros. 

No que atinxe aos carburantes, alí os impostos representan 64%, do prezo final fronte a 45% no Estado español. Porén, estabelécense como unha cota fixa por litro e non se aplican sobre o prezo final, como acontece aquí co imposto do valor engadido (IVE). Isto fai que a suba do prezo do petróleo nos mercados non inflúa tanto no prezo final e, polo tanto, non se reflicta tanto na inflación nin nos custos enerxéticos do resto de sectores.

Baixada de impostos

O conflito entre Rusia e Ucraína vén sumar máis volatilidade aos prezos da enerxía no Estado español. Para conter os seus posíbeis efectos na inflación, que promete ser histórica en marzo, o Goberno estatal vén de anunciar que o vindeiro 29 de marzo aplicará varias baixadas de impostos na luz, na gasolina e no gas, aínda por concretar, "haxa ou non consenso" no Consello Europeo da vindeira semana.

O ministro da Presidencia, Félix Bolaños, recoñeceu onte que será un paquete de medidas "amplo e ambicioso", para o que pediu un respaldo maioritario no Congreso. Está por ver se España seguirá os pasos de Polonia, un país que vén de aplicar unha rebaixa agresiva ao IVE dos carburantes (de 23% a 8%) da luz (de 23% a 5%) e de deixar a cero os do gas (antes 23%), alimentos (antes 5%) e fertilizantes (antes 8%).  

Comentarios