A economía galega será das que menos crezan no Estado, por baixo de 4% até 2023

BBVA Research prevé un crecemento do PIB de 3,4 en 2022 na Galiza, e de 2,3% en 2023.
O prezo medio da gasolina subiu 40% nun ano. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O prezo medio da gasolina subiu 40% nun ano (Foto: Nós Diario).

A Galiza figura no furgón de cola do Estado español en canto ao crecemento da súa economía até 2023. Esta é unha das conclusións do último Observatorio Rexional de BBVA Research, que rebaixa as previsións tanto en 2022 como en 2023 polo impacto que vai ter a invasión de Ucraína, as sancións impostas á economía rusa e o incremento en prezos, sobre todo nos combustíbeis.

A este respecto, o departamento de estudos do BBVA indica que os territorios cunha maior intensidade de uso da enerxía no seu Produto Interior Bruto (PIB) e máis dependentes de produtos importados serán os que menos crecerán no bienio, e cita Galiza, Aragón, Castela e León, Cantabria, Euskadi, Asturies, Nafarroa, A Rioxa e Castela-A Mancha.

Segundo explican desde BBVA Research no seu informe, a volatilidade nos mercados internacionais e os custos da enerxía golpean máis nos territorios orientados á produción de bens, e en particular ás intensivas en produción de enerxía. O bloque de territorios industriais do norte vese máis afectado.

Por contra, o menor impacto da pandemia favorece en maior medida aos territorios cunha actividade máis orientada ao turismo e os servizos persoais, apunta o documento. Xunto a este factor, outro dos que condicionan a evolución futura da economía galega será a participación da enerxía e os combustíbeis no gasto familiar

Neste senso, BBVA Research argumenta que nos territorios coa poboación máis dispersa, como é o caso da Galiza e as dúas Castelas, o gasto en carburantes é maior, o mesmo que sucede nos que teñen unha elevada mobilidade, como é o caso de Madrid.

Por baixo da media

Así, o departamento de estudos do banco considera que a economía galega, na que a inflación supera con moito a media estatal ─10,5% en marzo fronte a 9,8% no Estado─ fechará 2022 cun crecemento do seu PIB de 3,4%, mentres que a media prevista para o conxunto dos territorios ascende a 4,1. 

Porén, a diferenza será aínda máis acusada en 2023, un exercicio para o que BBVA Research prevé unha taxa de crecemento de 2,3%, un punto por baixo da media estatal (3,3%), só por diante Asturias (2%), Castela e León (2,1%) e igualada con Cantabria.

En materia de emprego, a previsión de crecemento é de 1,6% para 2022 ─a media estatal sitúase en 2,1%─, mentres que para 2023 estará en 1,2%, fronte 1,7% do conxunto de territorios.

Comentarios