O Congreso aproba o decreto enerxético e as formacións políticas poderán emendalo

O decreto de aforro enerxético do Executivo estatal foi validado esta quinta feira no Congreso por unha folgada maioría de 187 votos a favor. A tramitación como proxecto de lei permitirá un período de catro semanas para a presentación de emendas. Tamén se aprobou a reforma das cotizacións de profesionais por conta propia, que será tramitada como proxecto de lei por urxencia.
A ministra de Transportes, Raquel Sánchez, foi a encargada de defender o decreto de aforro enerxético no Congreso (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).
photo_camera A ministra de Transportes, Raquel Sánchez, foi a encargada de defender o decreto de aforro enerxético no Congreso (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).

O decreto de aforro enerxético, debatido esta quinta feira no Congreso, limita a temperatura de calefacción e refrixeración a 19 e 27 graos centígrados respectivamente en inmóbeis das Administracións públicas, estabelecementos comerciais, espazos culturais ou infraestruturas de transporte. A norma deixa fóra hospitais, centros educativos, ximnasios, salóns de peiteado ou cociñas de restaurantes.

Así mesmo, obrígase a apagar as luces de escaparates e edificios públicos desocupados a partir das 22 horas e obrígase a que antes do 30 de setembro tanto edificios como locais dispoñan de fechamentos automáticos nas portas de acceso para impedir que queden abertas.

A norma tamén contempla o complemento de 100 euros nas bolsas de estudo, axudas ao sector do transporte ou as medidas de fomento do transporte público ferroviario, como a bonificación de 100% nas viaxes de proximidade, Rodalíes e Media Distancia. Porén, na alta velocidade o desconto será só de 50%, o mesmo que nos trens Avant, os que unen A Coruña con Ourense vía Compostela.

Aprobado con 187 votos a favor e unha abstención 

O Congreso avalou esta quinta feira por maioría (187 votos a favor) o decreto lei que inclúe este plan de aforro enerxético coas primeiras medidas dirixidas a rebaixar o consumo de gas para cumprir o compromiso adquirido polo Estado español coa Unión Europea (UE).

A ministra española de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, quen foi a encargada defender o decreto na Cámara Baixa, cargou contra o PP acusándoo de ser "a dereita máis rancia de Europa", propia dun "conservadorismo retrógrado e negacionista".

Pola súa parte, o PP criticou que non fora a ministra para a Transición enerxética, Teresa Ribera, quen o defendera. Así, a portavoz parlamentaria do PP, Cuca Gamarra, afeou a Ribera que "é tan indefendíbel a súa errática política enerxética que parece lóxico que fuxa de dar a cara para a defensa dun decreto que a quen lle incumbe fundamentalmente é a vostede".

Finalmente, o decreto foi validado cos votos do PSOE, Unidas Podemos, ERC, o PNV, EH-Bildu, PDeCAT, Más País-Equo, Compromís, Teruel Existe e o PRC. Pola contra, o PP, Vox, Ciudadanos, Junts, a CUP e Foro Asturias votaron en contra. 

O BNG foi a única forza do arco parlamentario que se abstivo nesta votación. O deputado da forza nacionalista galega, Néstor Rego, afirmou que "as medidas son inadecuadas e insuficientes".

Ademais, Rego censurou que o Executivo do Estado español "se negue a adoptar medidas estruturais como a reforma radical do sistema eléctrico porque non queren tocar o negocio do poderoso oligopolio eléctrico".

O Congreso aprobou tamén a tramitación do decreto como proxecto de lei, polo que os grupos poderán presentar emendas para tentar introducir modificacións, tal e como comprometeu o PSOE con forzas que apoiaron a investidura do presidente do Goberno do Estado español, Pedro Sánchez, como premisa para a validación do decreto. O acordo contempla un prazo máximo dun mes para presentar emendas, polo que a norma podería aprobarse en outubro.

Sae adiante a reforma das cotizacións de autónomos

O Congreso tamén debateu esta quinta feira o decreto sobre a reforma da fiscalidade aplicada ás persoas traballadoras por conta propia. O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, defendeu que a reforma do Réxime Especial de Traballadores Autónomos implantará un sistema de cotización "máis xusto, flexíbel e equitativo".

O decreto, que finalmente será tramitado como proxecto de lei con urxencia, contou con 260 votos a favor, 64 en contra e 25 abstencións. Entre as abstencións atopáronse as de BNG, ERC e EH-Bildu. 

Estas tres forzas políticas recoñeceron avances mais cualificaron a medida de insuficiente por non resolver o problema de fondo da iniquidade tributaria. "Quen menos ingresa parte de 35 e pode chegar a pagar moito máis de 50%" mentres que "quen máis ingresa parte de 8% e pode chegar a pagar moito menos", engadiu Néstor Rego.

Comentarios