Análise

En que consiste o real decreto sobre o aforro enerxético?

Análise económica para 'Nós Diario' do Colectivo Bidán, composto por Manolo Cabarcos, Quico da Silva e Fernando Branco.
Apagado de luces no escaparate dunha tenda en Lugo tras a entrada en vigor das medidas de aforro e eficiencia enerxética. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Apagado de luces no escaparate dunha tenda en Lugo tras a entrada en vigor das medidas de aforro e eficiencia enerxética. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Hoxe tramítase no Congreso o Real Decreto-Lei 14/2022, máis coñecido polo "Madrid no se apaga" de Ayuso que polo seu contido amplo e diverso, que vai dende o transporte terrestre, marítimo e aéreo, de persoas e de mercadorías, ás becas e axudas ao estudo e até os enerxéticos, que ocupan menos artigos pero monopolizan o debate.

Como xa ten feito, este Goberno presenta un texto confuso, un totum revolutum  que dificulta o seguimento dos temas ao modificar moitas outras disposicións, entre elas unha que, co mesmo proceder, afecta a un tema tan sensíbel e central para a chamada "transición xusta" -pola que esperan Cerceda e As Pontes- como para a capacidade de evacuación dos nós de acceso e conexión, que aparece nun texto sobre Ucraína e a illa da Palma.

Ademais, ten falta de rigor cando se poñen exemplos do prezo do gas en datas relativas ao conflito en Ucraína: é o caso dos 89 euros do día anterior ao seu inicio e dos 209 do 27 de xullo; manipulación irresponsábel, xa que en 2021 houbo picos de 183 euros e en xuño deste ano mínimos de 78.

O efectista título de 'Aforro, eficiencia enerxética e de redución da dependencia enerxética do gas natural', inclúe dous ámbitos: o de aforro e eficiencia e o de fomento da electrificación e incremento das enerxías renovábeis, que contempla medidas relativas ao autoconsumo (rebaixa a obriga temporal de permanencia e introduce un tempo máximo de activación por parte da distribuidora no caso de excedentes), ás redes de transporte e distribución (simplifica a tramitación administrativa no caso de non precisar avaliación ambiental ordinaria, utilidade pública...), tamén ás gasistas (inxección de gases renovábeis) e ao almacenamento (inclusión no réxime retributivo específico, facilita a conversión da xeración hidráulica existente ao funcionamento reversíbel).

En relación ao aforro enerxético -de eficiencia non propón nada de nada-, as medidas semellan poucas e limitadas. Só afectan ás Administracións e aos estabelecementos na vía pública, quedando fóra a industria, o transporte e o sector residencial. Tamén son escasas na súa efectividade (1 kWh de electricidade na refrixeración ou na iluminación equivale, como moito, a 0,22-0,66 kWh de aforro de gas) e no seu alcance (o propio Miteco ten a expectativa de chegar, como moito, á metade do obxectivo do 7% de diminución no gas). O seu aspecto máis positivo é o de introducir ou promover o debate social da necesidade urxente e básica do aforro enerxético, non puntual e presente, senón permanente.

O prezo da enerxía

Porén, a verdadeira medida de aforro enerxético que PSOE-Podemos están a aplicar, co sometemento á UE, non está no texto deste Real Decreto, senón no prezo, que fai da enerxía un ben de luxo e un factor crítico para a viabilidade empresarial. De feito, a demanda de gas na industria (60% do consumo) baixou un 32% en xullo, dato que supera con moito o obxectivo fixado.

O texto tamén desprende o cheiro da visión enerxética centralista e uniforme dun Estado no que Galiza xera o 146% da electricidade que demanda, o 84% dela só coa xeración renovábel, mentres Madrid, que é un auténtico sumidoiro, aporta só o 5% da súa demanda, menos do 2% con renovábeis, e pola contra leva a maior recadación fiscal das eléctricas.

A demanda eléctrica mensual no primeiro trimestre de 2022 caeu na Galiza un 23% (efecto Alcoa) a respecto da media do período 2011-2021, mentres en Madrid aumentou o 1%. Polo tanto, as medidas de aforro e de diminución do 7% no consumo de gas natural non deben ser uniformes: debe de aforrar máis quen máis consume e menos produce, sobre todo quen escolleu, con prepotencia, non implantar centrais de xeración como os ciclos de gas nos tempos de Esperanza Aguirre e, agora, nin sequera ten un só parque eólico.

A complexidade e as incertezas no ámbito enerxético obrigan á elaboración anticipada e urxente do informe de seguimento do PNIEC 2021-2030 no que se debería basear o demandado plan de continxencia a entregar a Bruxelas en setembro. Imos tarde.

Comentarios