O alumeado dos escaparates terá que permanecer apagado a partir das 22 horas

O Executivo español aproba as medidas do plan de aforro enerxético.
A ministra portavoz, Isabel Rodríguez, intervindo na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros desta segunda feira (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera A ministra portavoz, Isabel Rodríguez, intervindo na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros desta segunda feira (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

O Goberno do Estado español aprobou, no contexto do Consello de Ministras e Ministros extraordinario que decorreu esta segunda feira, un paquete de medidas urxentes para a eficiencia e o aforro enerxético, que deberán ser aplicadas unha semana despois da súa publicación no BOE e terán vixencia até o 1 de novembro de 2023. 

A ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, explicou que "a situación é crítica e podería producirse en calquera momento un corte do gas procedente de Rusia". En consecuencia, "quixemos impulsar un primeiro paquete de medidas urxentes de aforro e eficiencia", dixo.

O primeiro paso, argumentou, "démolo hai unhas semanas aprobando o plan de aforro e eficiencia para a Administración e convidando a autonomías e municipios a facer o mesmo". "As Administración públicas debemos ser as primeiras en aforrar no noso consumo, mais precisamos tamén da axuda do resto de actores", continuou.

Dentro do paquete de medidas, Ribera resaltou "un primeiro paso relativo ao aforro e eficiencia nos edificios administrativos, os espazos comerciais e culturais, os grandes almacéns, hoteis, cines e edificios destinados ao transporte de viaxeiros". 

"Nestes inmóbeis deberase manter a calefacción en inverno como máximo a 19 graos e en verán como mínimo a 27", explicou. Así mesmo, deberanse "apagar as luces dos escaparates e a iluminación dos edificios públicos que non estean en uso" e terán que "estar fechadas as portas dos locais cando estea funcionando o ar acondicionado ou a calefacción".

As medidas tamén inclúen a exixencia de adiantar a inspección de eficiencia enerxética naqueles edificios obrigados que teñan realizado o trámite antes do 1 de xaneiro de 2021, incorporar carteis para explicar estas medidas de aforro nos estabelecementos, así como para informar das temperaturas e dos niveis de humidade. 

Os Avant serán bonificados só ao 50%

A portavoz do Executivo do Estado español, Isabel Rodríguez, explicou as medidas para as axudas ao transporte, que abranguerán do mes de setembro ao de decembro. Con respecto ás bonificacións para as persoas usuarias do tren, "asegúrase a gratuidade dos servizos de proximidade e da media distancia" para viaxes recorrentes, un mínimo de 16 ao mes, e estabelecerase unha fianza por persoas usuaria.

Porén, na alta velocidade o desconto será só de 50%, o mesmo que nos trens Avant, os que unen A Coruña con Ourense, vía Compostela, de maneira que o Executivo desoe a petición do portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, e do deputado de Unidas Podemos Antón Gómez Reino. 

Estímase "un custo de 200 millóns" nestas medidas. Así mesmo, a portavoz do Executivo anunciou "unha liña de axudas directas por valor de 450 millóns de euros a taxis e licenzas VTC (300 euros por vehículo), camións (1250 euros), e furgonetas e ambulancias (500 euros).

Os autobuses urbanos, tanto públicos como privados, tamén serán beneficiarios desta liña de axudas, subliñou. Ademais, o Consello de ministras e ministros aprobou unha lei para evitar que o sector transportista traballe a perdas, a portavoz do Executivo.

Axudas a estudantes, financiamento territorial e innovación

A portavoz do Executivo do Estado español, Isabel Rodríguez, anunciou ademais axudas para reducir "o custo dos fillos a cargo na universidade", con "400 euros durante os próximos catro meses (catro prazos de 100 euros) para o millón de estudantes que reciben bolsas e que teñan cumprido 16 anos de idade".

Asemade, explicou que o Consello de Ministras e Ministros chegou a un acordo para investir "900 millóns de euros na distribución territorial para que as autonomías poidan facer unha boa prestación dos servizos básicos, neste caso na atención das persoas dependentes".

Da mesma forma, o Executivo español aprobou tres liñas de financiamento para apoiar pemes e o emprendemento innovador, que xestionará Enisa, organismo dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, por valor de 98,5 millóns de euros.

Comentarios