Naturgy gaña 557 millóns até xuño, un 15% máis

A compañía eléctrica, con 12 encoros na Galiza e impulsora de varios proxectos eólicos, prosegue coa súa aposta de explotación de recursos galegos.
Parque eólico de Naturgy na Pastoriza, na comarca da Terra Chá. (Foto: Europa Press)
photo_camera Parque eólico de Naturgy na Pastoriza, na comarca da Terra Chá (Foto: Europa Press).

Naturgy, con 12 encoros na Galiza e impulsora de varios proxectos eólicos, obtivo un beneficio neto de 557 millóns de euros no primeiro semestre, o que representa un incremento de 15,1% respecto ao mesmo período do ano anterior.

A eléctrica tivo estes beneficios a pesar dunha sentenza en contra na Arxentina, en primeira instancia, vinculada ao conflito que mantén aberto na súa participada, Metrogas, polo cesamento de envíos de gas natural arxentino a Chile desde 2009, que lle obrigou a depositar unha fianza de 126 millóns de euros.
 

En calquera caso, e a pesar tamén da volatilidade actual no mercado, os resultados da compañía española, dados a coñecer esta quinta feira, avanzaron positivamente nesta primeira metade do ano, grazas ao bo comportamento do negocio almacenista de gas a nivel internacional. Desta forma, o beneficio ordinario chegou a crecer un 28%, até os 717 millóns de euros.

As súas vendas netas alcanzaron os 16.737 millóns de euros, 83% superiores ao mesmo período de hai un ano, cun resultado bruto de explotación (Ebitda) de 2.047 millóns de euros, 22% máis.

Durante o primeiro semestre, Naturgy aumentou a cantidade dedicada aos investimentos en 64%, alcanzando os 721 millóns de euros, que se dedicaron especialmente á actividade de renovábeis na Galiza, no Estado español, en Australia e en América Latina, e ás redes de distribución de gas e electricidade.

Segundo informou a compañía á Comisión Estatal do Mercado de Valores (CNMV), o efecto da sentenza en contra na Arxentina traduciuse nun impacto directo negativo de 126 millóns de euros, importe que tivo que prover de forma previsora atendendo a un criterio de "máxima prudencia".

Naturgy tivo en conta a máxima cantidade que se estima que podería chegarse a pagar en función da sentenza recibida en primeira instancia, que sería de 312 millóns de euros.

No entanto, tendo en conta a participación de 55,6% que ten Naturgy en Metrogas, a firma sancionada, o impacto no beneficio neto é de 126 millóns de euros.

A compañía tiña programada a presentación dos seus resultados o pasado 5 de agosto, mais a sentenza notificada ese mesmo día obrigoulle a atrasar a publicación das súas contas semestrais.

Comentarios