Concentracións nas cidades galegas “por unhas pensións dignas”

Convocadas pola CIG, rexeitan a nova reforma que está a tramitar o Congreso porque consideran que consolida os recortes da anterior

Protesta de pensionistas da CIG o pasado mes de novembro en Pontevedra (Foto: Nós Diario).

Xubilados e pensionistas da CIG concentráronse esta quinta feira en prazas e rúas de cidades e vilas galegas para rexeitar, máis unha vez, a reforma das pensións que se está a tramitar no Congreso dos deputados porque consideran que “non só non garante unhas pensións dignas senón que mesmo consolida os recortes introducidos coa de 2011”.

Unhas mobilizacións nas que manifestaron ademais o seu rexeitamento ás propostas lanzadas polo ministro Escrivá nestes días.

O colectivo de xubiladas e pensionistas da CIG considera que a non derrogación da reforma das pensións do 2011 implica manter a perda dun 25% nas pensións pola ampliación da idade de xubilación aos 67 anos e o aumento do período de cálculo aos 25 anos.

Considera “simple propaganda” a supresión do factor de sustentabilidade porque será substituído polo chamado "mecanismo de equidade interxeneracional" que "suporá novas penalizacións á clase  traballadora sen garantir unha suba das contías das pensións".

Denuncia que con esta nova reforma tampouco se garante o poder adquisitivo das prestacións porque as pensións mínimas non chegan ao 60% do salario medio do Estado, de acordo á Carta Social Europea, que sería neste momento de 1.150 € ao mes.

Non se recupera a xubilación parcial

O colectivo sinala que tampouco se recupera a xubilación parcial e que, ademais, segue penalizando a anticipada, atrasando a idade de xubilación e fomentando o aumento da vida laboral, o que, alertan, dificultará aínda máis o acceso ao mundo laboral da mocidade, que se verá abocada á emigración e ao paro.

Acusan o Goberno de condenar moitas persoas traballadoras a prolongar a súa vida laboral en actividades penosas e de grande esforzo físico, mentres reducen a cota empresarial á Seguridade Social por continxencias comúns durante as incapacidades temporais das persoas maiores de 62 anos, subvencionando as empresas a cargo da caixa da Seguridade Social.

Comentarios