BNG e CIG defenden unha reforma das pensións digna que non afonde nos recortes

Bloque Nacionalista Galego e CIG acordaron enfrontar "os recortes no sistema de pensións" previstos polo Goberno do Estado a través de varias emendas ao proxecto de lei elaborado por PSOE e Unidas Podemos. Defenden unha proposta alternativa que non lesione os intereses do colectivo de traballadoras da Galiza. 
 

Tras analizar as mudanzas que introduce o proxecto de lei para a reforma das pensións, BNG e CIG criticaron a proposta do Executivo estatal ao considerar que "é profundamente lesiva para os intereses das traballadoras e dos traballadores do noso país, porque non só non reverte os aspectos máis agresivos de reformas anteriores, senón que os consolida", destacou o deputado Néstor Rego, após se reunir co secretario nacional da CIG, Paulo Carril, e o membro da executiva do sindicato, Paco Sío.

Segundo destacou o representante do BNG no Congreso dos Deputados, a reforma deseñada por PSOE e Unidas Podemos "mantén a idade de xubilación nos 67 anos e o período de cómputo nos 25 anos", dúas novas ameazas ás que suma o novo mecanismo de equidade interxeracional, aínda sen definir, que viría substituír o factor de sustentabilidade do Partido Popular mais para provocar "efectos similares", recalcou Rego.

O deputado nacionalista acusa os socios de Gobernos de "precarizar" o sistema público de pensións ao propoñer unha reforma "pola vía dos recortes" no canto de "pola vía dos ingresos", como reclama, mediante "a redución da xornada laboral sen redución de salario, a creación efectiva de emprego, o fomento dun plan de emprego xuvenil que dea saída á incorporación de xente nova ao mercado laboral, o incremento dos salarios ou a loita efectiva contra a fraude fiscal".

Lesiva e insuficiente

O secretario nacional da CIG, Paulo Carril, tachou a reforma das pensións de "lesiva e insuficiente" ao non derrogar os cambios máis agresivos introducidos en reformas anteriores. A do Goberno de Raxoi, de 2013, mais tamén a de 2011, que motivou unha folga xeral na Galiza tras fixar nos 67 anos a idade de xubilación, incrementar a 25 anos o período de cálculo e borrar a xubilación parcial.

Tras censurar un "diálogo social" do que o Executivo estatal excluíu sindicatos como a CIG ademais doutros axentes socias que "tiñan dereito a estar", como é o caso das persoas pensionistas, Carril defendeu que "non é posíbel" abordar unha reforma que garanta unhas pensións dignas sen derrogar primeiro a reforma laboral, "fundamental para crear emprego digno".

As pensións na Galiza

"É un castigo que canto máis vivamos, esteamos condenados a vivir peor", resolveu Carril tras facer reconto dalgunhas das cifras que resumen a situación das pensións na Galiza. Segundo apuntou, máis de 415.000 pensionistas teñen unha retribución inferior 750 euros e unha traballadora cobra, de media, 310 euros menos que un traballador. Ademais, a poboación de máis de 65 anos, de media, presenta 28,9 anos traballados, "lonxe dos 36,9 necesarios para acceder á pensión máxima". 

Doutra banda, o secretario nacional da CIG laiouse do investimento estatal en pensións. "O gasto medio da Unión Europea en pensións é do 10,9% do PIB, mentres que en España é do 9,8%, o que evidencia unha distancia enorme", asegurou.

Xubilación parcial e aos 65

Galiza é o segundo territorio coas pensións máis baixas do Estado, apostilou Néstor Rego, quen avanzou as seis propostas que a formación nacionalista buscará debater no Congreso para forzar unha reforma alternativa das pensións.

Así, defenderá a recuperación da idade de xubilación aos 65 anos. "A política que hai detrás desta lei non é xa consolidar a xubilación ordinaria aos 67, senón fomentar a xubilación demorada, coa xente traballando máis aló da idade legal de xubilación". Neste sentido, dixo, "queremos que se eliminen os incentivos á xubilación demorada e se recupere a xubilación anticipada sen penalización a partir de 35 anos cotizados". 

A maiores, Rego adiantou que reclamará un "período de cómputo de 10 anos a escoller pola persoa traballadora", así como a recuperación da xubilación parcial, a eliminación do mecanismo de equidade interxeracional e ao aumento das pensións mínimas até equiparalas a 60% do salario medio.

Comentarios