Opinión

Traballar até os 75

[María Obelleiro]

Un “mal día”, declaracións sacadas de contexto... o ministro Escrivá trata de dar marcha atrás cada vez que expón as propostas en materia de xubilación. Despois do episodio do mes de xullo en que advertiu aos baby boomers -as persoas nadas entre os anos 50 e metade dos 70- de que terían que elixir entre asumiren un recorte na súa pensión ou traballaren máis anos, nunha entrevista publicada o domingo apostaba por “un cambio cultural” para atrasar a xubilación aos 75 anos. Sexa ou non un globo sonda, o acordo adoptado en xuño sobre as pensións vén consolidar a reforma de 2011 que supuxera un recorte xeneralizado.

Lonxe de se reforzar o sistema público, mantense a ampliación da idade de xubilación -até os 67 anos- e do período de cálculo -que pasou dos 15 aos 25 anos-, así como a supresión, na práctica, da xubilación parcial. Desde 2011, a contía das pensións caeu ao redor dun 25%. Non é necesario imaxinar os efectos para a Galiza, coas prestacións máis baixas do Estado español.

Comentarios