A compravenda de vivendas cae 15% na Galiza, o dobre que a media estatal

A compravenda de vivendas sitúase en terreo negativo durante os catro primeiros meses de 2023 no país.
As cidades galegas suman un número importante de vivendas baleiras. (Foto: Nós Diario)
photo_camera As cidades galegas suman un número importante de vivendas baleiras. (Foto: Nós Diario)

Galiza rexistrou un total de 1.425 compravendas de vivendas en abril, o que supón 15,2% menos que no mesmo mes dun ano antes, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) esta segunda feira.

Esta caída supón case o dobre que 8,1% de descenso da media estatal, onde as operacións se reducen a 43.311, a súa cifra máis baixa en dous anos, nun contexto de tipos de interese máis elevados para conter a inflación. A baixada da Galiza é a cuarta máis acusada entre comunidades en abril.

Deste modo, a compravenda de vivendas sitúase en terreo negativo durante os catro primeiros meses de 2023 no país. No caso español, encadea tres meses consecutivos de retroceso. Hai 65 vendas por cada 100.000 habitantes na Galiza, a cifra máis baixa entre autonomías.

Do total de abril, produciuse a compravenda de 1.384 vivendas libres e 41 protexidas. Ademais, foron 1.177 usadas e 248 novas.

Descenso en leiras

Pola súa parte, o total de leiras transmitidas alcanzou as 8.591 na Galiza, 1,5% menos que o cuarto mes de 2022. Aquí a baixada é inferior á media española (-8,5%).

Estas 8.591 leiras divídense en 5.843 urbanas -3.068 vivendas, 265 solares e 2.510 doutro tipo- e 2.748 rústicas. As 3.068 vivendas transmitíronse a través das citadas 1.425 compravendas, 907 herdanzas, 31 doazóns, catro permutas e 701 doutro tipo.

Datos estatais

O descenso da compravenda de vivendas en abril a nivel estatal debeuse á caída tanto das operacións sobre pisos de segunda man como das realizadas sobre vivendas novas. Con este retroceso interanual, que amplía en máis de dous puntos o rexistrado en marzo (-5,7%), a compravenda de vivendas encadea tres meses de taxas negativas.

En concreto, a compravenda de vivendas usadas baixou 9% no cuarto mes do ano, o seu maior descenso interanual desde xaneiro de 2021, ata sumar 35.057 operacións, mentres que as transaccións realizadas sobre pisos novos diminuíron 4,2%, até as 8.254 operacións.

91,9% das vivendas transmitidas por compravenda en abril foron vivendas libres e 8,1%, protexidas. En total, a compravenda de vivendas libres baixou 8,5% interanual, até as 39.809 operacións, en tanto que a compravenda de vivendas protexidas retrocedeu 3,6%, até sumar 3.502 transaccións.

En taxa intermensual (abril sobre marzo), a compravenda de vivendas caeu 22,4%, a súa maior caída nun mes de abril desde 2020, nada máis declararse a pandemia.

Segundo o INE, dous de cada tres compravendas de vivendas realizadas en abril (68,2%) efectuáronse entre persoas físicas. En total, en abril realizáronse 29.533 operacións deste tipo entre persoas físicas, 10,2% menos que no mesmo mes de 2022.

Nos catro primeiros meses do ano, a compravenda de vivendas reduciuse 3,4%, tras retroceder as operacións sobre vivendas novas 4% e baixar as realizadas sobre vivendas usadas 3,3%.

Comentarios