A sinatura de hipotecas baixa 13,8% en marzo na Galiza a respecto do ano pasado

A nivel estatal, o número de hipotecas constituídas sobre vivendas baixou 15,7% o pasado mes de marzo respecto ao mesmo mes de 2022, até sumar 36.182 préstamos, sempre segundo datos do INE.
Só 7% das persoas que residen en municipios de menos de 50.000 habitantes viven de alugueiro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Só 7% das persoas que residen en municipios de menos de 50.000 habitantes viven de alugueiro. (Foto: Nós Diario)

O número de hipotecas constituídas sobre vivendas na Galiza baixou 13,8% en marzo respecto ao mesmo mes de 2022, até quedar en 1.135 préstamos, segundo datos publicados esta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Esta cifra supón 12,7% máis que no mes de febreiro e unha caída anual inferior á media estatal, xa que no total do Estado constituíronse 36.182 hipotecas, 15,7% menos que en marzo do exercicio previo.

O capital total prestado foi de máis de 130 millóns de euros, 12,5% máis que en febreiro pero 13,9% menos que hai un ano.

O número de hipotecas sobre predios foi de 1.558 unidades, das cales 1.512 eran en predios urbanos. Destas últimas, 1.135 eran vivendas; 13, solares, e 364, outras leiras urbanas. Do total de hipotecas sobre leiras urbanas, os bancos foron prestamistas en 96,5% dos casos.

Entre outros datos, na Galiza canceláronse 2.359 hipotecas, das cales 1.634 eran sobre vivendas. Ademais, tamén se contabilizaron 401 cambios rexistrais en marzo.

Datos estatais

A nivel estatal, o número de hipotecas constituídas sobre vivendas baixou 15,7% o pasado mes de marzo respecto ao mesmo mes de 2022, até sumar 36.182 préstamos, sempre segundo datos do INE.

Co descenso interanual de marzo, a sinatura de hipotecas sobre vivendas encadea dous meses de taxas negativas tras a caída de 2% que se anotou en febreiro.

O importe medio das hipotecas constituídas sobre vivendas baixou 1,5% interanual no terceiro mes do ano, até os 142.663 euros, mentres que o capital prestado diminuíu 17%, até os 5.161,8 millóns de euros.

Tras a alza de tipos de interese acordada polos bancos centrais para tentar conter a inflación, o tipo de interese medio para o total de préstamos hipotecarios situouse en 3,29% en marzo, a súa cifra máis elevada desde xaneiro de 2017, cun prazo medio de 24 anos.

No caso das vivendas, o interese medio foi de 2,99%, o seu valor máis alto desde abril de 2017, cun prazo medio de 25 anos.

36,1% das hipotecas sobre vivendas constituíronse o pasado mes de marzo a tipo variábel, mentres que 63,9% asináronse a tipo fixo. O tipo de interese medio ao comezo foi de 2,72% para as hipotecas sobre vivendas a tipo variábel e de 3,15% no caso das de tipo fixo.

Comentarios