Comerciantes calculan que fecharán máis de 300 pequenos negocios o próximo ano

A Asociación Galega de Traballadores Autónomos e do Mar (Agtamar) sinala o "dumping" e a fuga de capitais dos "xigantes" do sector.
Dous baixos comerciais desocupados nas rúas do casco histórico do municipio de Noia (Foto: Nós Diario).
photo_camera Dous baixos comerciais desocupados nas rúas do casco histórico do municipio de Noia (Foto: Nós Diario).

A Asociación Galega de Traballadores Autónomos e do Mar (Agtamar) advertiu esta quinta feira de que a Galiza perderá en 2023 máis de 300 comercios en todo tipo de sectores. Agtamar afirmou que esta "tendencia desastrosa", que se "está repetindo" nas series de afiliación do Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) debese á "concentración comercial nas grandes distribuidoras".

Ademais, Agtamar destacou que os sectores do téxtil e do calzado son as "principais vítimas" do "dumping" empresarial das grandes marcas. Esta práctica consiste en comercializar nas súas plataformas en liña, cun prezo moito máis baixo, os mesmos produtos que venden ao pequeno comercio.

O colectivo responsabiliza o Goberno do Estado español e a Xunta da Galiza de "ollar para outro lado" e "condenar miles de familias ao fechamento dos seus negocios". Por iso, din, o persoal por conta propia pedirá "modificacións urxentes na normativa reguladora da distribución".

O secretario xeral de Agtamar, Jesús Diéguez, en declaracións a Nós Diario, sinala que "só hai que dar unha volta polas vilas para caer na conta de que cada vez están fechando máis negocios". "Levamos anos advertíndoo e regularmente imos lembrando o drama que supón para o pequeno comercio, e tamén para as localidades, en xeral, a perda destes comercios", explica Diéguez.

"Sabemos que os hábitos de compra están cambiando e que o pequeno comercio ten que facer un esforzo por adaptarse aos novos tempos, mais pretendemos que tanto os actores políticos como as asociacións e a sociedade en xeral se conciencien de que ou protexemos estas tendas que poden sobrevivir ou, do contrario, imos ver desertas as vilas, feito que no rural pode ser peor", afirma o secretario xeral de Agtamar.

"Estamos contando por centos cada ano os estabelecementos que se perden, e en paralelo tamén perdemos postos de traballo, persoas traballadoras por conta propia, e pérdese vida", láiase o representante de Agtamar. Diéguez sinala o complicado que é para o pequeno comercio competir coas grandes distribuidoras: "A nivel de publicidade e de ofertas non teñen a mesma capacidade", di.

"É complicado incluso para todos aqueles pequenos comercios que se intentan adaptar aos novos hábitos de consumo, pois existen experiencias que son moi danosas, sabemos de provedores que subministran a comerciantes e que ao mesmo tempo poñen os seus produtos máis baratos na súa tenda en liña", denuncia. 

Os comerciantes demandan máis control dos "xigantes"

"Debería haber máis control, sobre todo no caso das vendas por debaixo de custo de produción, mais tamén sobre o pago de impostos", di. Así, advirte de "casos paradoxais de xigantes do comercio mundial que pagan menos impostos que calquera dos negocios das nosas vilas", demanda Diéguez.

"Estase permitindo que os xigantes do sector comercial teñan a súa sede fiscal da venda en liña nun paraíso fiscal ou incluso en Estados da Unión Europea (UE) que aínda que non teñen oficialmente esta consideración, oficiosamente podemos dicir que o son a todos os efectos". En consecuencia, afirma o secretario xeral de Agtamar, "está claro que si hai cuestións que se poden facer desde o punto de vista lexislativo".

Os Centros Comerciais Abertos contan cun papel "fundamental"

Un Centro Comercial Aberto (CCA) é a agrupación dun número indeterminado de estabelecementos comerciais independentes que se atopan situados nas rúas urbanas dun espazo concreto cunha tradición comercial na zona, habitualmente nos centros históricos das cidades e vilas.

Isabel Méndez, presidenta da Asociación de Xerentes de CCA, destaca a este xornal que estas entidades "son as que promoven e fan iniciativas e campañas comerciais para dinamizar as vilas". "Son fundamentais para que os comercios, as rúas e as vilas sigan estando vivas", afirma.

"As Administracións deben traballar coordinada e conxuntamente cos CCA da Galiza", demanda Méndez. Os CCA, explica a xerente, "non son unha asociación de comerciantes ao uso, senón que teñen unha xerencia profesionalizada" que permite que se desenvolvan iniciativas "de moita calidade".

Comentarios