1.405 comercios retallistas fecharon no último ano na Galiza

A crise do comercio retallista semella non tocar fondo. Só desde setembro de 2021 cesaron na súa actividade 1.405 negocios en todo o país. Ao tempo, consolídase unha  caída xeneralizada de emprego no sector.

O comercio é un dos sectores máis afectados. (Foto: Europa Press)
photo_camera O comercio é un dos sectores máis afectados pola crise. (Foto: Europa Press)

A xestión da Grande Recesión primeiro, a pandemia e a paralización da actividade despois e por último a crise de prezos agravaron a críese estrutural do comercio retallista. Segundo os dados que ven de facer públicos o Instituto Galego de Estatística (IGE) en setembro de 2022 Galiza contaba con 47.073 negocios dedicados ao comercio retallista e a reparación de vehículos de motor, mentres un ano antes rexistraba 48.478.

O último fecharon 1.405 comercios na Galiza. A maioría deles, 897, dedicábanse ao comercio polo miúdo de téxtil e calzado, dedicándose os restantes locais ao comercio polo miúdo doutros artigos de uso doméstico e ao comercio polo miúdo de produtos alimenticios, bebidas e tabaco en estabelecementos especializados.

Téxtil e calzado

As organizacións de comerciantes ou de traballadores por conta propia poñen nome aos sectores máis prexudicados. Así, a Unión Profesional de Traballadores Autónomos (UPTA) destaca o téxtil e o calzado como os máis prexudicados na crise destes tres últimos anos, "as empresas fabricantes, principalmente españolas, venden os seus produtos practicamente ao mesmo prezo que para a venda en liña, e os pequenos comerciantes non poden competir co comercio por internet. Esta situación asfíxiaos e estaos levando á quebra", advirten.

A caída do consumo interno está detrás da actual fase da crise do comercio. A mesma ven provocada pola perda do poder adquisitivo, como consecuencia da alza dos prezos e da conxelación dos salarios. Neste sentido, a práctica totalidade das subas alcanzadas dos convenios colectivos situáronse por baixo da inflación, só conseguindo incrementos salariais de máis de 6% naqueles sectores da actividade que foron a folga para mellorar as súas condicións laborais.

A totalidade dos indicadores económicos dan da conta da contracción do consumo interno Galiza. Sen ir máis lonxe, no mes de agosto o comercio retallista rexistrou en agosto unha diminución das súas vendas na Galiza de 0,3%, fronte ao incremento anual que se produciu no Estado español. Así, no conxunto estatal, a alza das vendas foi de 0,8% en relación ao mesmo mes de 2021.

Caída demanda interna

A demanda interna só significou no segundo trimestre de 2022 0,1% do PIB galego, significando o sector exterior 4,2%. Na mesma dirección, a economía galega presentou un peor comportamento que a estatal, rexistrando no primeiro caso unha alza total do PIB de 4,2% e no segundo de 6,8%. Porén, todos os indicadores apuntan agravamento na situación para o terceiro e cuarto trimestre de 2022, até o punto de situar o BBVA a Galiza á cola do estado en crecemento.

As decisións políticas non contribúen a dinamizar esta actividade económica. Se en 2009 a Xunta da Galiza dedicou nos seus orzamentos 35,2 millóns de euros para a dinamización comercial, no proxecto de contas públicos só se recollen 25,4 millóns, o que representa 25%.

A precariedade e o empobrecemento dos comerciantes é evidente. A este respecto, os traballadores e traballadoras do Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) declaran uns ingresos medios anuais de 10.300 euros fronte aos 21.600 euros das persoas asalariadas, rexistrando as pensións máis baixas de todo o Estado.

Comentarios