O comercio, sen "grandes descontos" no 'Black Friday'

"O comercio de proximidade leva "meses rebaixando marxes e contendo prezos ou repercutíndoos coa máxima responsabilidade", sinalan comerciantes.
A caída do consumo interno déixase notar no comercio retallista. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A caída do consumo interno déixase notar no comercio retallista. (Foto: Nós Diario)

O comercio de proximidade descarta que se produzan  grandes descontos para esta campaña de ofertas do 'Black Friday', debido á complicada conxuntura económica actual e porque os comercios xa van moi ao límite. É a conclusión á que chegan diferentes plataformas e organizacións do sector como a Confederación de Comercio.

Segundo esta entidade, a razón desta decisión é "a suba dos custos estruturais ou fixos e a dos custos variábeis como o prezo dos produtos". A través dun comunicado sinalan que o comercio de proximidade leva "meses rebaixando marxes e contendo prezos ou repercutíndoos coa máxima responsabilidade, tentando gardar un difícil equilibrio para non perder competitividade".

Neste escenario, descartan que teñan posibilidade de pór "descontos agresivos, porque os comerciantes xa van moi ao límite".

Caída das vendas

Outra das razóns é a caída da capacidade de compra das consumidoras e dos consumidores. "Motivada pola elevada inflación e a previsíbel caída de vendas que está a ter lugar, a maioría dos comerciantes non adquiriron grandes stocks aos que teñan que dar saída agora con campañas baseadas na redución do prezo como esta", engaden.

Cada comercio, en función do sector, ten unha contorna competitiva moi diferente e maior ou menor capacidade para realizar descontos, mais en calquera caso prevese que estes se limiten a determinados artigos e que de maneira xeneralizada non vaian producirse grandes promocións.

"Un bo termómetro para medir os resultados que cabe esperar atopámolo na baixada da contratación de persoal para esta campaña tanto nos propios comercios como no sector loxístico", constatan.

Comentarios