793 comercios retallistas fecharon en 2021

A crise do comercio retallista semella non tocar fondo. Só en 2021 cesaron na súa actividade 672 negocios e fecharon os seus locais 793 empresas en todo o país. Ao tempo, consolídase a caída xeneralizada de emprego no sector, que desde decembro de 2019 destruíu 6.095 postos de traballo no conxunto da Galiza.

 

 

comercio tradicional
photo_camera A crise do comercio tradicional está a agravarse nos dous últimos anos. (Foto:Europa Press).

A pandemia, primeiro, e a alza de prezos, despois, agravaron a crise estrutural do comercio retallista. Segundo os datos ofrecidos polo Directorio central de empresas (Dirce) do Instituto Nacional de Estatística (INE) para 2021, último ano con datos, nese exercicio fecharon os seus locais 793 empresas e cesaron na súa actividade 672 negocios. Porén, desde decembro de 2019, momento previo ao comezo da pandemia, até decembro de 2021, 1.895 negocios fecharon, ao igual que 3.255 locais -tendo en conta que hai negocios con máis dun local-.

33.410 locais dedicados ao comercio retallista

A Galiza conta con 33.410 locais dedicados ao comercio retallista. A este respecto, o Dirce sinala que 11.472 locais dedícanse ao comercio polo miúdo de téxtil e calzado, 6.078 locais ao comercio polo miúdo doutros artigos de uso doméstico e 5.689 locais ao comercio polo miúdo de produtos alimenticios, bebidas e tabaco en estabelecementos especializados. Neste sentido, a crise ten un comportamento diferente en función da actividade de cada un dos negocios.

As organizacións de comerciantes ou de traballadores por conta propia poñen nome aos sectores máis prexudicados. Así, a Unión Profesional de Traballadores Autónomos (UPTA) destaca o téxtil e o calzado como os máis prexudicados na crise destes tres últimos anos, "as empresas fabricantes, principalmente españolas, venden os seus produtos practicamente ao mesmo prezo que para a venda en liña, e os pequenos comerciantes non poden competir co comercio por internet. Esta situación asfíxiaos e estaos levando á quebra", advirten.

No mes de xuño, último con cifras, as vendas incrementáronse en sete comunidades autónomas e na media estatal, sendo Galiza unha das autonomías onde baixaron. Asemade, o Instituto Galego de Estatística (IGE) destaca que no que vai de ano as vendas do comercio polo miúdo caeron no país en 2,4%, mentres que no Estado subiron en 0,9%.

A Xunta reduce en 22,6% as axudas ao comercio

As decisións políticas non contribúen a dinamizar esta actividade económica. Así, constátase un malestar evidente dentro do sector pola decisión do Goberno galego de reducir nos orzamentos de 2022 as achegas ao comercio nun 22,6%, o que representa unha caída en relación co exercicio pasado de 5,3 millóns de euros. Precisamente esta partida, canda a de normalización lingüística, é a que recibe maior recorte nas contas públicas de 2022.

Por outra parte, a crise do comercio retallista déixase notar no emprego. Segundo o IGE, desde decembro de 2019 destruíronse 6.095 postos de traballo, correspondéndose 4.604 con asalariados e 1.491 con traballadores por conta propia. Nese mesmo período para o conxunto do Estado español creáronse un total 7.423 empregos nos estabelecementos dedicados ao comercio retallista, na súa totalidade incorporados ao Réxime Xeral da Seguridade Social.

Autónomos

A caída do emprego autónomo é unha constante na Galiza desde 2009. Se á volta de marzo dese ano -cando Alberto Núñez Feixoo chegou á Presidencia da Xunta- a Galiza dispuña de 231.158 persoas ocupadas por conta propia, 13 anos despois, en xullo de 2022, reducíronse a 208.112, perdéndose nese período 23.046 empregos. Mesmamente, a existencia dunha importante porcentaxe de falsos autónomos, que a profesora da Universidade Carlos III de Madrid Raquel Carrasco e a súa compañeira da Universidade de Alcalá Virginia Hernanz cifran en "30% do total de autoemprego na Galiza", non dan compensado estes números.

A precariedade e o empobrecemento dos traballadores por conta propia resulta evidente. A este respecto, os traballadores e traballadoras do Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) declaran uns ingresos medios anuais de 10.300 euros fronte aos 21.600 euros das persoas asalariadas, rexistrando as pensións máis baixas de todo o Estado. Segundo os datos fornecidos pola Asociación de Traballadores Autónomos (ATA), as pensións medias dos autónomos galegos están cifradas en 668,9 euros, 518 euros por baixo dun asalariado, con Ourense presentando a peor contía, con 646,84 euros; seguida de Lugo, con 647,31 euros; A Coruña, con 692,31 euros; e Pontevedra, con 698,24 euros. A fenda é máis grave no caso das mulleres. Nesta dirección, 153.777 pensionistas galegas cotizantes do RETA cobran unha pensión mensual media de 552 euros.

473 autónomos menos até xullo

As previsións para o comercio retallista son aínda peores para 2022. So é entre o mes de xaneiro e o mes de xullo destruíronse 473 empregos autónomos no comercio. A suba dos prezos e a caída do consumo acelera a crise estrutural do sector, ante a pasividade da administración.

Comentarios