'Mellor local, mellor galego': a campaña do BNG para apoiar o comercio de proximidade ás portas do Nadal

Ana Pontón urxe unha moratoria ás grandes superficies comerciais "porque é un modelo que ten problemas tanto desde o punto de vista da trama urbana como do apoio ao comercio local".
Goretti Sanmartín, Ana Pontón e María do Carme González, do BNG, esta segunda feira, nun comercio compostelán. (Foto: Europa Press)
photo_camera Goretti Sanmartín, Ana Pontón e María do Carme González, do BNG, esta segunda feira, nun comercio compostelán. (Foto: Europa Press)

O BNG aproveitou a proximidade das datas do Nadal para relanzar a súa campaña 'Mellor local. Mellor galego', a favor do comercio de proximidade e na defensa dunha nova lei que protexa o sector e inclúa unha moratoria á implantación das grandes superficies comerciais no país. A encargada de presentar a iniciativa foi a portavoz nacional da formación, Ana Pontón, que visitou a libraría Kómic, que leva 35 anos aberta en Santiago, acompañada da portavoz municipal e candidata do Bloque á Alcaldía, Goretti Sanmartín, e da deputada María do Carme González.

Pontón escolleu este estabelecemento por ser un símbolo de "comercio singular", de "calidade", de "asesoramento especializado" á clientela e dun "dinamismo económico" sen o cal, asegurou, "non se entenderían" as cidades e as vilas galegas.

Precisamente, para loitar contra as escenas de "rúas baleiras con persianas baixadas" no país, a dirixente do BNG insistiu na necesidade desa nova lei que apoie a singularidade do comercio local e que o "protexa" fronte ás grandes superficies e ante a "falta dunha política de apoio real" que observa por parte da Xunta.

Neste senso, Pontón volveu propor unha moratoria a estas empresas, "porque é un modelo que ten problemas tanto desde o punto de vista da trama urbana como do apoio ao comercio local". En paralelo, ve necesario artellar un "plan integral plurianual" que planifique, "en diálogo co sector", as medidas para a súa protección, consolidación e ampliación.

Aliás, marcou como un dos "retos" do comercio a súa dixitalización. Por iso, as nacionalistas apostan na creación dunha plataforma online que permita aos negocios de proximidade "non estar en mans de Amazon" e das súas normas "moi duras". Con este contexto, o BNG relanzou esta campaña aproveitando a chegada do Nadal para facer un chamamento a que ese consumo que se incrementa por estas datas sirva para apoiar "o comercio local e o produto feito na Galiza", do que Pontón destacou a súa "calidade".

Non en balde, a portavoz nacional do Bloque criticou a "falta" de apoio por parte da Xunta ao sector e lamentou que nos orzamentos de 2023 hai "dez millóns de euros menos" para o comercio de proximidade "que hai 13 anos". Así mesmo, precisou que, desde que o PP chegou ao Goberno galego en 2009, "fecharon 8.500 estabelecementos" deste tipo en todo o país.

Santiago, "capital do comercio"

Xa en chave local, a portavoz municipal do BNG destacou a importancia do comercio en Santiago, que quixo exemplificar precisamente na "simbólica" libraría Kómic: "É un comercio de moita calidade, especializado, atractivo", dixo a candidata á Alcaldía.

Goretti Sanmartín advertiu que Compostela "non pode ser única e exclusivamente capital do turismo", senón tamén "do comercio". Por iso, o BNG propón "políticas de rexeneración urbana" a través dun incremento do orzamento do Consorcio de Santiago para facer fronte á "proliferación de baixos baleiros, que ofrecen unha imaxe urbana degradada, limitan a economía e provocan problemas de seguridade".

De igual modo, Sanmartín denunciou a "proliferación de tendas de souvenirs" para sinalar a necesidade de estabelecer "zonas saturadas" destes comercios e de preservar aqueloutros "que teñen unha longa tradición ou que ofrecen bens e servizos esenciais". A candidata nacionalista tamén propuxo un servizo municipal de asesoramento que facilite que haxa un recambio xeracional nos comercios tradicionais, para que así, a pesar das xubilacións, "teñan continuidade aínda que sexa con outras persoas propietarias".

Comentarios