Os bancos europeos endurecen os requirimentos para obter un préstamo

Os bancos da zona euro endureceron os estándares de crédito no segundo trimestre de 2022, unha acción que se repetirá no terceiro trimestre. Esta dificultade do acceso ao crédito frea a compra de vivendas.
O edificio do Banco Central Europeo, na cidade alemá de Frankfurt. (Foto: Boris Roessler / dpa)
photo_camera O edificio do Banco Central Europeo, na cidade alemá de Frankfurt. (Foto: Boris Roessler / dpa)

Os bancos da zona euro "endureceron considerabelmente" no segundo trimestre do ano 2022 os estándares crediticios para os seus préstamos ou liñas de crédito a empresas e acometeron "un forte endurecemento neto dos criterios crediticios" para a concesión de hipotecas.

Mentres que de cara ao terceiro trimestre as entidades esperan un novo endurecemento neto dos estándares crediticios dunha magnitude similar á do segundo trimestre. Así o corrobora unha enquisa de préstamos bancarios, realizada polo Banco Central Europeo (BCE) entre o 10 e o 28 de xuño coa participación de 153 bancos.

Con respecto aos préstamos aos fogares para adquisición de vivenda, os bancos da zona do euro rexistraron un forte endurecemento neto dos criterios crediticios, mentres que os criterios para o crédito ao consumo e outros préstamos aos fogares endurecéronse moderadamente.

As entidades citaron a maior percepción do risco e unha menor tolerancia ao risco, dentro do actual contexto de alta incerteza, continuas interrupcións na cadea de subministración e altos prezos da enerxía e os insumos, como factores detrás do endurecemento dos estándares crediticios para empresas e familias.

Menos préstamos á vivenda

No segundo trimestre, a demanda neta de préstamos para a compra de vivenda caeu tras aumentar no primeiro trimestre, mentres que a demanda de créditos ao consumo e outros préstamos aos fogares seguiu aumentando en termos netos.

A diminución neta da demanda de préstamos para a vivenda debeuse principalmente á menor confianza dos consumidores e ao nivel xeral dos tipos de xuro, mentres que o aumento da demanda de créditos ao consumo debeuse principalmente ao gasto en bens duradeiros.

Para o terceiro trimestre, os bancos esperan unha diminución neta na demanda de préstamos das empresas, unha forte diminución neta na demanda de hipotecas e unha demanda de crédito ao consumo practicamente sen cambios.

Sobe a rendibilidade dos alugueres, mais na Galiza con menor intensidade

A elevación das complicacións para o acceso ao crédito bancario na zona euro está a derivar nunha suba da rendibilidade para as persoas propietarias de vivenda en aluguer.

O retorno bruto que ofrece o aluguer ás persoas propietarias chegou a 6,36% no conxunto do Estado español durante o segundo trimestre do ano, o que supón unha décima máis que o mesmo período de 2021 e un descenso de sete décimas fronte ao trimestre anterior.

Porén, esta rendibilidade non alcanzou as mesmas cifras na Galiza, onde esta taxa se situou en 5,23%, a quinta máis baixa entre os distintos territorios do Estado español.

Con respecto ás grandes urbes, o estudo realizado polo portal pisos.com tivo en conta un total de 20 cidades do territorio do Estado, incluída A Coruña, que se situou no antepenúltimo lugar das estudadas, cunha rendibilidade do aluguer de 4,51% e tan só por riba de Madrid e Palma de Mallorca.

Así mesmo, o portal de vivenda apostou por unha "moderación da suba do prezo da vivenda" como consecuencia "da suba de tipos do BCE como resposta á inflación".  

Comentarios