O custo da vivenda en aluguer medrou 5% na Galiza só no último trimestre: este é o prezo en cada cidade

O dato de xuño de 2022 é o maior desde o mesmo mes de 2008. O menor rexistrouse en abril de 2016, e desde entón o prezo medio do alugueiro non fixo máis que medrar no país.
Vivendas en alugueiro #aluguer #vivenda #piso #casa (Foto: Laura R. Cuba)
photo_camera O prezo medio na Galiza da vivenda alugada é de 7,8 euros/m2. (Foto: Laura R. Cuba)

O prezo das vivendas en alugueiro na Galiza incrementouse 4,1% no último trimestre deste ano, até alcanzar os 7,8 euros/m2, segundo o último informe publicado polo portal inmobiliario Idealista esta segunda feira.

Na taxa interanual, tomando como referencia o mesmo período de 2021, a suba alcanza 4,8%. Aliás, en comparanza co mes de maio, o custo do alugueiro medrou 1,4% este xuño.

Con base nestes mesmos datos, o rexistro deste mes de xuño (7,8 euros/m2) é o máis elevado desde xuño de 2008, no inicio da recesión económica.

O dato máis cativo desta serie histórica foi o de abril de 2016 (5,4 euros/m2) e, desde entón, e coa excepción dunha leve caída en 2020 por mor da pandemia, o prezo mantivo unha tendencia á alza.

Vigo é a cidade máis cara

Os prezos experimentaron unha importante repunta nas cidades galegas durante a primavera. Así, encabeza os aumentos Ourense (+3,1%), seguida de Lugo (+2,2%), Vigo (+2,1%),  Pontevedra (+1,8%), Compostela (+0,8%), A Coruña (+0,3%) e Ferrol (+0,1%).

Así, Vigo rexistra hoxe un prezo medio de 9 euros/m2, seguida pola Coruña (8,4 euros/m2), Compostela (7,7 euros/m2), Pontevedra (7,3 euros/m2), Lugo (6,3 euros/m2), Ourense (5,9 euros/m2) e Ferrol (5,1 euros/m2).

Datos estatais

No conxunto do Estado español, o prezo do alugueiro de vivendas incrementouse 4,2% durante os últimos tres meses, entre abril e xuño. Ao remate de xuño de 2022, arrendar unha vivenda tiña un custo de 11,2 euros por metro cadrado, unha cifra que é 1,6% máis elevada que a rexistrada ao feche do mes de maio e 4,8% máis en comparación interanual.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios